CRTVG

Buscar

Santiago consegue deixar atrás o nivel de alerta vermella

Publicado o 09/11/2020 14:11

Santiago baixa un chanzo no semáforo covid−19 que mide os contaxios. Na última semana, a incidencia está por debaixo dos 112 por cada 100.000 habitantes.

"Se baixou, ben para todos. Hai que estar na casa e cumprir as normas".

"Melloraron, si", corroboran algúns na rúa.

Un respiro, logo de levarmos un mes no nivel máximo de alerta, pero non hai que relaxarse. 

"Fanse cousas mal, tanto os mozos coma os maiores, temos que procurar que isto se solucione". "Eu creo que ata que nos confinen non saímos disto". "A xente está cansa, traballar hai que traballar, hai que levalo como se poida".

Descenden os contaxios e o número de enfermos. Son cifras esperanzadoras, pero aínda é cedo para avaliar que sexan efecto do peche do concello.

"Prudencia de ver que as medidas pouco a pouco van dando resultado, pero aínda pasou pouco tempo dende que puxemos en marcha as restricións e hai que esperar", explica o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Xunto a Santiago, na provincia da Coruña, tamén se desactiva a alerta vermella en Noia e Ordes. Mañá reunese de novo o comité clínico, pero non se agardan variacións nas restricións sanitarias.

Na área sanitaria de Santiago hai, a día de hoxe, 1.209 pacientes con infección activa, dos que 51 foron confirmados por PCR mas últimas 24 horas. Do total, 65 están hospitalizados (49 en planta e 16 en coidados intensivos). Desde o inicio da pandemia, 149 persoas faleceron nesta área sanitaria.

Noticias web

09/11/2020