Santiago e Ferrolterra, por riba da media galega en incidencia da covid-19
Galicia está entre as catro comunidade que mellor contén a pandemia, pero os casos de covid aumentan cada día, sobre todo nas áreas urbanas. A incidencia media da covid nos últimos 14 días é de 265 casos por cen mil habitantes. Moi por riba desa media está Santiago con 457.
"Se ben se contivo algo o crecemento, seguimos tendo taxas moi elevadas", explica Carmen Durán, directora xeral de Saúde Pública sobre a situación da capital de Galicia.
E non é a única que supera a media galega e incluso a de Ourense. É moi seria a evolución da covid en Ferrolterra. "Preocupábanos porque había un crecemento continúo e neste momento materializouse a nosa preocupación en toda a comarca", asegura Durán.
O aumento de casos tamén é continúo pero non exponencial na Coruña e Arteixo, na cidade de Lugo, en Pontevedra e Poio e en Vigo. Con todo estas cidades teñen unha incidencia da covid por debaixo da media de Galicia.
A evolución da pandemia xa se está notando na presión asistencial, en atención primaria porque a maioría dos enfermos están na casa, pero tamén nalgúns hospitais.
"Neste momento temos unha importante presión a nivel hospitalaria sobre todo en camas de críticos na área sanitaria de Ourense. Tamén Ferrol nos está empezando a preocupar cunha alta frecuentación e ocupación en atención primaria e empeza xa tamén nos hospitais, concretamente no hospital de Ferrol", explica o xerente do Sergas, José Manuel Flores.
Desde o Sergas aseguran que este aumento da presión hospitalaria non compromete a asistencia sanitaria.