CRTVG

Buscar

Santander reduce a 3.223 os afectados polo ERE e ofrece prexubilacións ao 10%

Publicado o 13/06/2019 19:02
Santander reduce a 3.223 os afectados polo ERE e ofrece prexubilacións ao 10%

A dirección de Banco Santander reduciu os afectados polo Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que acometerá a entidade en 490 traballadores máis, co que finalmente haberá un máximo de 3.223 saídas, un 13% menos fronte ás 3.713 extincións previstas inicialmente.

Así o comunicaron fontes sindicais tras a sexta reunión formal da mesa negociadora. O martes o banco presentou unha serie de melloras e deixou entrever que se trataba da súa oferta final, pero quedou en que concretaría a rebaixa no número de afectados.

Este acordo subscrito polo 80% da mesa e aínda pendente de redacción e revisión mellora as últimas condicións igualando cos servizos centrais o tramo superior para os maiores de 55 anos e protexe cunha prima adicional de 15.000 euros ás persoas con idades entre 50 e 54 anos. En concreto, para cubrir as extincións, Santander ofreceulles aos empregados de entre 55 e 61 anos prejubilarse co 80% do salario pensionable ou co 75% máis o 60% do complemento voluntario, mentres que aos maiores de 62 anos abonaralles o equivalente a 20 días por ano traballado, co límite dunha anualidade, e sen primas.

Pola súa banda, o colectivo de entre 50 e 54 anos poderá deixar a entidade co 60% do salario pensionable de seis anualidades e un tope máximo de 380.000 euros, sen desconto por desemprego e cun convenio especial coa Seguridade Social ata os 63 anos, actualizable ata un máximo do 3%. A este grupo tamén dará primas por voluntariedade de 2.000 euros por cada trienio completo traballado, unha prima adicional de entre 5.000 e 30.000 euros en función da súa antigüidade e outra de 15.000 euros. En canto aos traballadores de 49 anos ou menos, ou os que teñan unha idade superior pero non acumulen 15 anos de antigüidade, as extincións virán acompañadas dunha indemnización de 40 días por ano traballado, ata un máximo de 24 mensualidades.

Este colectivo tamén terá primas de voluntariedade de 2.000 euros por cada trienio de antigüidade e outras de entre 5.000 e 30.000 euros en función dos anos que leve no banco. En canto á mobilidade, o banco xa acordou limitala ata 75 quilómetros, coas indemnizacións e condicións do acordo subscrito en 2017. 

Noticias web

13/06/2019