CRTVG

Buscar

Sanidade non descarta pechar toda actividade non esencial en Galicia

Publicado o 24/01/2021 14:13

Nunha entrevista na Radio Galega, Julio García Comesaña asegura que, a pesar das restricións aprobadas nas últimas semanas, aínda non se albisca o pico desta terceira vaga da pandemia. Cada vez son máis os concellos de todas as áreas sanitarias onde a incidencia rolda os 1.000 casos por cada 100.000 habitantes, e o número de pacientes ingresados nas UCI é de 150. O conselleiro de Sanidade cre que se vai superar a presión hospitalaria da primeira vaga e que será inevitable trasladar o modelo Carballiño, vixente xa en Arteixo, Viveiro e Xinzo, a toda Galicia.

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade: "Porque agora estamos a falar de adaptarse ao número de pacientes ingresados nas UCI, e nese sentido dá igual que esteamos nun concello cunha incidencia ou con outra, o tema é protexer a capacidade hospitalaria da área sanitaria no seu conxunto, ou eu diría mesmo de toda Galicia". "A verdade é que a situación é preocupante, repito, non quero adiantar nada porque temos a reunión este luns, pero a situación é de pensar xa dun xeito transversal na capacidade asistencial das áreas sanitarias e do conxunto do sistema sanitario galego".

Descartado o confinamento domiciliario e a ampliación do toque de recollida, que son competencia do Goberno central, as opcións pasan por ampliar os peches perimetrais. Segundo o conselleiro, agora mesmo case o 80 por cento da poboación galega vive en concellos dos que só se poden saír ou entrar por motivos xustificados. Tamen aposta por prohibir reunións entre non conviventes, pechar os comercios non esenciais e a hostalería, que xa está baixo mínimos.

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade: "Pois imos ter que tomar unha medida deste tipo seguramente en concellos dos grandes tamén".

Sobre a campaña de vacinación, o titular de Sanidade mostrouse optimista a pesar dalgúns atrancos na subministración de Pfizer. Gasrcía Comesaña confía en que, tras a aprobación de máis vacinas como a de Jonhson and Jonhson ou a de AstraZeneca, no segundo semestre deste ano poderá comezar a vacinación da poboación en xeral.

Noticias web

24/01/2021