CRTVG

Buscar

Sanidade modificará o formato do mapa de alertas da covid-19 para "concretar" máis a información de cada municipio

Publicado o 11/11/2020 19:54

A consellería de Sanidade modificará nos próximos días o formato do mapa de alertas da covid-19 por municipio para "concretar" máis a información da "incidencia acumulada" de cada concello, aínda que descarta ofrecer datos por baixo do limiar de "dez positivos ou menos" porque consideran "perigoso" que se poida "identificar persoas".

Así o dixo o propio conselleiro de Sanidade, Julio García Comesañan, en resposta a unha interpelación parlamentaria formulada polo deputado socialista Julio Torrado, que acusou á Xunta de empregar a información da pandemia de forma "malintencionada" para construír un "relato ególatra" ao redor da figura do presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo. "Con iso sálvanse eleccións pero non se salvan vidas", apostilou Torrado.

Na súa resposta, o titular de Sanidade defendeuse das críticas do PSdeG sobre a "falta" información aos concellos e puxo como exemplo que, desde que asumiu a súa responsabilidade á fronte da Consellería hai pouco máis de dous meses, mantivo "72 reunións" con alcaldes de localidades nas que se impuxeron restricións.

En canto ao mapa que cada día actualiza o Sergas na súa páxina web dedicada ao seguimento dos datos da pandemia, García Comesaña sinalou que non se trata de ter "un ranking ou unha competición" de cales son os concellos con máis casos, senón que se trata de dar unha evolución da situación epidemiolóxica, algo que, ao seu xuízo, está a cumprirse como amosan as informacións na prensa cada día.

Neste sentido, avanzou que nos próximos días se reconfigurará o formato deste mapa para "concretar" en maior medida a información sobre a incidencia, pero excluíndo aquelas localidades con menos de 10 casos positivos activos. "O que non imos proporcionar son nomes e apelidos das persoa que dean positivo, como pediron alcaldes do seu partido", espetou García Comesaña nunha mensaxe dirixida a Julio Torrado, que lamentou que a Administración autonómica "utilice a información de forma partidaria porque hai unha persoa que quere sentirse máis alto e máis guapo", en alusión velada a Núñez Feijóo.

Noticias web

11/11/2020