CRTVG

Buscar

Sanidade fai un cribado a uns 9.000 traballadores da área de Vigo

Publicado o 27/08/2020 17:52
Sanidade fai un cribado a uns 9.000 traballadores da área de Vigo

Sanidade iniciou o cribado simultáneo de traballadores de diversos sectores na área de Vigo, aos que se realizarán 9.000 probas para detectar posibles casos de infección por coronavirus, segundo confirmaron fontes do Sergas.

Así, os test rápidos de anticorpos de dobre banda empezaron a realizarse este xoves a uns 885 traballadores de escolas infantís, que se suman aos 7.500 docentes aos que xa se lles empezaron a facer as probas este mércores.

Ademais, de forma simultánea, puxéronse en marcha os test para xornaleiros da vendima, e someteranse a eles uns 500 xornaleiros.

A finalidade do Sergas é "ter cribados a estes colectivos nos próximos 15 días". Para iso, habilitouse outro punto de toma de mostras, na planta 0 do hospital Álvaro Cunqueiro, que se suma ao xa existente no hospital Meixoeiro.

As persoas ás que se lles vai a realizar a proba están a ser citadas mediante chamada telefónica ou mensaxe SMS, para indicarlles o lugar, día e hora da toma da mostra.

A extracción realízase mediante unha punción no dedo, coa que se obtén unha pinga de sangue, e o resultado da mostra pode coñecerse nuns 10 minutos. Se fose positivo, activaríase o protocolo establecido e realizaríanse novas probas diagnósticas.

Este test de dobre banda permite non só detectar casos positivos da covid-19, senón tamén saber cales son casos activos e cales son persoas inmunizadas. Así, pódense diferenciar as infeccións agudas, as máis avanzadas ou aquelas xa curadas.

Este tipo de probas xa se fixeron no seu momento no cribado do persoal do Sergas, así como de traballadores de servizos esenciais: corpos e forzas de seguridade, bombeiros, gardacostas, oficinas de farmacia, etc.