CRTVG

Buscar

Sanidade descarta que padezan o coronavirus as dúas persoas en estudo en España

Publicado o 24/01/2020 17:08

A China pon en corentena 33 millóns de persoas

Inditex ten sete tendas en Wuhan

• Nos Estados Unidos confirmouse un segundo caso da enfermidade

O Ministerio de Sanidade descartou este venres os dous posibles casos que estaban en estudo en España en relación ao coronavirus, cuxo orixe está na cidade chinesa de Wuhan, segundo aseguraron fontes deste departamento.

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias do Ministerio (Ccae), Fernando Simón, en declaracións aos xornalistas ao mediodía, informara da existencia destes dous casos sospeitosos e da moi baixa probabilidade de que resultasen positivos.

Esta mañá Sanidade tamén descartara outro caso de coronavirus nunha pasaxeira que chegou a Barcelona procedente de Wuhan, despois de facer escala en Amsterdam. 

En España non hai voos directos con Wuhan e, polo tanto, non se toman medidas especiais nosaeroportos, segundo confirmou hoxe o Ministerio de Sanidade. O director do Centro de Coordinación e Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade, Fernando Simón, dixo que todos os casos detectados ata o de agora, menos dous, contaxiáronse en Wuhan, e que ningunha cidade europea sen voo directo tomou medidas adicionais nos seus aeroportos.

Segundo dixo, non é facil contraer a pneumonía por coroavirus nin en Wuhan, e en España non hai motivo para a alarma.

"A poboación agora mesmo creo que ten que ter unha percepción de risco mesmo moi baixa. Obviamente as persoas que veñan de Wuhan e aprecien sintomatoloxía, que vaian ao médico tranquilamente. Estamos en plena temporada de gripe, que se transmite moito máis, polo tanto calquera sintomatoloxía, aínda que a persoa estivera en Wuhan, a probabilidade máis alta con moitísima diferenza é que sexa un cadro gripal", dixo Fernando Simón, director do Centro de Coordenación e Emerxencias Sanitarias.

As autoridades sanitarias dos Estados Unidos confirmaron un segundo caso de coronavirus, cuxo orixe está na cidade chinesa de  Wuhan. A paciente viaxou recentemente aos Estados Unidos desde  Wuhan e non tiña síntomas durante o voo, pero nada máis chegar a Chicago comezou a presentar sinais de ser contaxiada, indicaron responsables dos Centros para o Control e Prevención de Enfermidades (CDC).

Esta muller é o segundo caso, despois de que se confirmase esta semana que unha persoa de Seattle, no estado de Washington, sofre a enfermidade.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/01/2020