CRTVG

Buscar

Sanidade establece o nivel 2 en toda Galicia e limita as reunións a cinco persoas

Publicado o 20/10/2020 21:49

• O comité clínico decidiu que Santiago e O Milladoiro pasen ao nivel 3, onde se limitan as reunións ás persoas conviventes

• Establécense limitacións de mobilidade perimetral nos concellos de Verín, Oímbra e Vilardevós

• Restrínxense todas as actividades non esenciais no Carballiño, O Irixo e Boborás

A Consellería de Sanidade anunciou o establecemento do nivel 2 de restricións en toda Galicia, onde ademais se limitarán as xuntanzas a grupos dun máximo de cinco persoas.

Entre as decisións adoptadas polo comité clínico que fai o seguimento da evolución da covid−19 na nosa comunidade, e tras constatar o aumento de contaxios, tamén está o incremento ata o nivel 3 de restricións no concello de Santiago e na localidade do Milladoiro, onde ademais as xuntanzas quedarán restrinxidas a persoas conviventes.

Tanto na capital galega coma no Milladoiro, os bares e cafeterías verán restrinxidos os seus servizos no interior dos locais e a súa actividade queda limitada á metade das mesas nas súas terrazas.

Nos concellos de Ourense e Barbadás, a pesar de que se constata unha mellora da situación, mantense o nivel 3 de restricións. Alí ademais da limitación das xuntanzas exclusivamente a conviventes, matense o peche da mobilidade perimetral.

Outra das novidades foi elevar ao nivel 3 de restricións os concellos de Verín, Oímbra e Vilardevós, onde se establecerá un peche de mobilidade perimetral que só permitirá a mobilidade entre estes. Ademais, as xuntanzas entre persoas nestes concellos quedará limitada só a persoas conviventes. 

Tamén se decidiu restrinxir todas as actividades non esenciais nos concellos do Carballiño, O Irixo e Boborás. Nestas vilas ourensás continúan tamén coa restrición da mobilidade perimetral e a limitación das xuntanzas entre non conviventes.

Máis alá deses concellos en que hai restricións específicas, o establecemento do nivel 2 en toda Galicia, amais da limitación das xuntanzas de máis de cinco persoas, implica outras medidas como a prohibición de consumir nas barras dos locais de hostalería, cunha ocupación interior do 50 por cento e das terrazas ao 75 por cento, e unhas celebracións que por forza deberán ser máis reducidas.

As vodas, por exemplo, non poderán reunir máis de 50 persoas en espazos pechados e 100 ao aire libre. Os lugares de culto deben reducir a súa capacidade ao 50 por cento. Os velorios xuntarán como máximo dez persoas en espazos pechados e 25 en abertos. E os enterramentos ou cremacións só poderán reunir 25 peroas entre familiares e achegados.

Os locais comerciais deben limitar a súa ocupación ao 50 por cento. Nos centros comerciais non se permitirá a permanencia dos clientes nas zonas comúns máis que para o tránsito, e neles non se poderá usar as zonas recreativas. Os mercados ao aire libre só poderán ter o 50 por cento dos postos.

Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do xoves, logo de que se publiquen este mércores no Diario Oficial de Galicia.