CRTVG

Buscar

O Sergas estuda tomar accións legais polas protestas dos médicos de Vigo

Publicado o 03/04/2019 23:23
O Sergas estuda tomar accións legais polas protestas dos médicos de Vigo

A Consellería de Sanidade advirte de que se reserva o seu dereito para exercer "cantas accións legais sexan necesarias para protexer a poboación e evitar danos irreversibles" polas medidas de presión que barallan os médicos de Atención Primaria de Vigo. 

Este colectivo decidiu en asemblea aplicar de forma inminente medidas de presión como deixar de dar docencia nos centros de saúde máis sobrecargados, deixar a telemedicina e poñer un límite ao número de consultas.

Nun comunicado, a administración sanitaria galega alega que "non pode asumir que se limite o dereito á asistencia sanitaria á cidadanía". Engade que os empregados públicos "teñen que asumir o labor que lles é propio", no caso dos profesionais sanitarios, atender as necesidades sanitarias da poboación. Sanidade esgrime que as formulacións de conflito colectivo "teñen os seus leitos legais" e engade que "ningunha reivindicación laboral pode apartarse dos mesmos, moito menos conculcar os dereitos esenciais da cidadanía" mediante a adopción de "medidas unilaterais" de limitación da atención a pacientes.

Os médicos de Atención Primaria de Vigo advirten que limitarán de modo "unilateral" as consultas

A Asemblea de Médicos de Atención Primaria da área sanitaria de Vigo advertiu de que os seus integrantes limitarán de modo "xeral e unilateral" o número de consultas e a utilización de "telemedicinas", así como que suspenderán a docencia nos centros "máis sobrecargados".

Nun comunicado, os facultativos detallaron que a adopción destas medidas concretarase no marco da próxima asemblea, fixada para o próximo día 23 de abril.

Así mesmo, os membros da Asemblea anunciaron que se sumarán á folga convocada para os próximos días 9, 10 e 11 de abril nos centros galegos de Atención Primaria, así como ás concentracións fixadas para esas datas en Vigo e Santiago.

Os xefes de unidade e servizo que presentaron a súa dimisión o pasado mes tamén anunciaron o seu apoio a estas accións e avanzaron que, ante o silencio administrativo á súa renuncia, a próxima semana presentarán un certificado de actos presuntos para que a xestión dos puntos de Atención Primaria se transfira á área sanitaria.

Noticias web

03/04/2019