CRTVG

Buscar

Sanidade cerra a planta de oncoloxía en Pontevedra tras 13 contaxios por covid-19

Publicado o 21/10/2020 16:57
Sanidade cerra a planta de oncoloxía en Pontevedra tras 13 contaxios por covid-19

O Hospital Provincial de Pontevedra pechará a planta en que está a unidade de oncoloxía para realizar unha desinfección logo de que sexan xa trece persoas as afectadas polo gromo de covid-19 detectado neste centro.

Aos seis pacientes, a acompañante dun deles e unha enfermeira, cuxo diagnóstico confirmou onte Sanidade, sumáronse este mércores outras catro enfermeiras e unha doutora.

O seis pacientes que estaban ingresados en oncoloxía foron trasladados á unidade covid do Complexo Hospitalario de Pontevedra, aínda que todos eles presentan síntomas leves, para poder realizar un seguimento constante da súa evolución. O resto dos contaxiados atópanse illados nos seus respectivos domicilios.

Tras este gromo, as autoridades sanitarias decidiron pechar temporalmente a planta de oncoloxía onde se rexistraron os contaxios para desinfectar os cuartos, os espazos comúns e as estancias que utilizan os profesionais.

Os dous pacientes que, tras dar negativo na PCR, seguían ingresados na planta afectada foron trasladados ao outro espazo reservado para esta especialidade no Hospital Provincial.