CRTVG

Buscar

Sanidade explica que non hai información suficiente que relacione os casos de choque pediátrico co coronavirus

Publicado o 28/04/2020 13:32

O Ministerio de Sanidade di que non hai información suficiente para establecer unha relación entre os casos de choque pediátrico que se deron nas últimas semanas e a COVID-19.

Simón refírese á comunicación que remitiu a Asociación Española de Pediatría (ao igual que fixeron os seus homólogos no Reino Unido) aos seus asociados alertándolles da aparición dun número de pacientes pediátricos caracterizados por un cadro inusual de dor abdominal, acompañado de síntomas como diarrea ou vómitos, que poden evolucionar en poucas horas cara a un choque con taquicardia e hipotensión, ademais doutros síntomas graves como o denominado choque de Kawasaki. Nalgúns deses casos, di a comunicación, os pacientes son positivos en SARS-CoV2. Por iso recomenda que os pediatras estean alerta ante estes e outros síntomas.

A AEP quixo hoxe chamar á calma ás familias. O cadro clínico do que se informa, di, "é moi infrecuente" e foron descritos moi poucos casos en España. Ademais lembra que a maioría dos casos de COVID-19 en España cursan con síntomas moi leves. E insiste en que este tipo de comunicacións profesionais están dirixidas exclusivamente ao persoal sanitario, e "constitúen un procedemento habitual no marco das enfermidades infecciosas". Engade que "é a maneira de informar axilmente a todos os pediatras".