CRTVG

Buscar

O Ministerio de Sanidade amplía o número de países cuxos viaxeiros deben gardar corentena

Publicado o 03/03/2021 21:06

O Ministerio de Sanidade ampliou o número de países na lista que establece os viaxeiros que deberán gardar corentena obrigatoria ao chegar a España para controlar a expansión da cepa surafricana e da brasileira.

Segundo a orde publicada este mércores no Boletín Oficial do Estado (BOE), deberán someterse a corentena as persoas procedentes de calquera aeroporto situado en Brasil, Suráfrica, Botswana, Unión de Comoras, Ghana, Kenya, Mozambique, Tanzania, Zambia, Zimbabwe, Perú e Colombia. Así, os viaxeiros destes países deberán permanecer en illamento os dez días seguintes á súa chegada ou durante toda a súa estadía se esta fose inferior a este prazo.

Con todo, o período poderá terminar antes se ao sétimo día a persoa realiza unha proba diagnóstica de infección aguda con resultado negativo. Esta orde, que entrará en vigor o próximo 8 de marzo e que terá unha validez inicial de 14 días naturais, establece ademais que as persoas deberán permanecer no seu domicilio ou aloxamento, e limita os seus desprazamentos ou a visita de terceiras persoas á adquisición de alimentos, produtos farmacéuticos e de primeira necesidade, asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios e causas de forza maior ou situación de necesidade.

As autoridades sanitarias poderán contactar coas persoas en corentena para realizar o seu seguimento. Así mesmo, as Forzas e Corpos de Seguridade poderán realizar en calquera momento as comprobacións oportunas sobre o cumprimento da corentena.

O Goberno quere que se activen canto antes os certificados de vacinación para permitir as viaxes ao estranxeiro. España é un dos países máis interesados na súa posta en marcha para reactivar, por exemplo, o turismo internacional. 

O turismo é fundamental para reactivar a economia. Por iso, o executivo mantén que debería estar operativo antes do verán. Ese certificado, amais dos datos de vacinacion, incluiría outros elementos sanitarios como as probas PCR, se a persoa superou o Covid ou se ten anticorpos. E, insiste o Goberno, que non sería discriminatorio para as persoas non vacinadas. Iso sería para o verán.