CRTVG

Buscar

Sanidade admite que confinar os maiores ata o verán está "sobre a mesa"

Publicado o 17/04/2020 17:55
Sanidade admite que confinar os maiores ata o verán está "sobre a mesa"

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, recoñeceu este venres que confinar as persoas maiores ata o verán é unha medida que está sobre a mesa. O mesmo que permitir que os nenos saian á rúa para dar un paseo. 

"Están sobre a mesa, agora, e estábano hai uns meses", dixo Simón na comparecencia de prensa telemática posterior á reunión do comité de seguimento do coronavirus, en que respondeu a se os técnicos están a valorar que as persoas maiores de certa idade non saian de casa ata despois do verán e á proposta de Cataluña de deixar saír os nenos de forma ordenada nun prazo de 10 días.

Fernando Simón dixo que hai decretadas unhas restricións de mobilidade "moi importantes" ata o 26 de abril e antes dese día o Goberno terá que tomar algunha decisión. As dúas medidas -maiores e nenos-, explicou, "son opcións de progresión cara á fase de transición que todos estamos a considerar", aínda que precisou que o problema está na coordinación de todas as medidas, que hai que aplicar de xeito "coherente".

Insistiu en que as medidas sobre os nenos e os maiores "están sobre a mesa" e que se aplicarán na medida en que os diferentes grupos de traballo vaian considerando.