CRTVG

Buscar

Almuíña defende a "anticipación" da Xunta ante a pandemia, que "está en fase de descenso"

Publicado o 22/04/2020 15:24

• A oposición ve falta de humildade e triunfalismo no Goberno autonómico

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, defendeu este mércores no Parlamento galego a menor afectación de Galicia polo coronavirus, onde ata o momento faleceron 481 persoas e por primeira vez desde o 26 de marzo o número persoas ingresadas nas UCI baixou do centenar, ata os 96 pacientes.

O conselleiro deu conta na Deputación Permanente do Parlamento de Galicia destes últimos datos  que constatan, segundo observou, que Galicia está na fase de descenso da onda da pandemia. Dixo que hai razóns para o optimismo e insistiu na importancia de estar "unidos".

"Superamos a primeira onda da pandemia, pero seguiremos traballando, non se acabou; haberá diagnóstico precoz, illamentos, e continuará a compra de material de protección para profesionais. Sabemos máis, temos máis experiencia", asegurou.

Segundo afirmou, as medidas que puxo a Xunta en marcha e as que vaia poñer no futuro "saen dunha comisión de expertos" polo que pediu que sexan escoitados para reforzar o sistema sanitario.

Máis teleasistencia no futuro

Esas medidas pasan, incidiu, por aumentar as consultas telefónicas e a teleasistencia para diminuír o número presencial de pacientes en salas de espera e de consulta, tanto en atención primaria como hospitalaria. 

"Ese é o futuro: máis actividade non presencial, porque non imos poder manter grandes cantidades de persoas en hospitais nin noutros servizos e hai que cambiar", dixo.

En canto ao material, Vázquez Almuíña sinalou que a Xunta xa recibiu un lote por máis de 10 millóns de euros e que comprou, aínda que non recibiu na súa totalidade, material por 22 millóns de euros; 15 millóns de máscaras entre outros equipamentos. Estes datos supoñen que a Xunta compra o 86 % do material. 

Tamén detallou que xa se realizaron máis de 20.000 probas PCR en residencias, 13.000 a usuarios e 7.400 a traballadores, e dixo que en dúas semanas agarda finalizar as probas a todos os residentes con este método.

Vázquez Almuíña anunciou tamén que a Xunta vai confeccionar un censo co persoal sanitario afectado polas máscaras defectuosas enviadas polo Goberno.

Falta de humildade, segundo a oposición

Fronte á visión do conselleiro, os grupos da oposción ven falta de humildade e acusan a Xunta e o presidente Alberto Núñez Feijóo de triunfalimo na xestión da pandemia. Todos reclamaron máis información, máis persoal e máis medios, sobre todo en atención primaria.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, explicou que a crise chega "tras moitos anos de recortes" e da "enorme conflitividade polos retrocesos e ataques da Xunta á sanidade pública". 

O deputado do Grupo Común da Esquerda, Antón Sánchez, censurou que o conselleiro non tivese "nin unha soa palabra de autocrítica, iso é intoxicar e facer propaganda". Sánchez incidiu na situación das residencias e reclamou un cambio de modelo nestes centros.

A voceira do BNG, Ana Pontón, acusou o presidente da Xunta de "escapar da democracia". "Vémolo 18 veces na TVG e só unha no Parlamento, sede da soberanía popular", dixo.

Polo Grupo Mixto, Davide Rodríguez criticou a redución de camas hospitalarias na última década e reprochoulle ao conselleiro que chegara a dicir que "as camas son importantes nos hoteis, pero non tanto nos hospitais".