CRTVG

Buscar

Sánchez dá por feito que terá que ampliar o estado de alarma ata o 10 de maio

Publicado o 09/04/2020 12:04

• O presidente do Goberno chama a todos os partidos a un gran pacto e pide a solidariedade da UE "sen fisuras"

• Casado di que Sánchez non ten autoridade moral para pedir unidade


 

Pedro Sánchez citou para a semana que vén os partidos políticos para comezar a falar dos novos Pactos da Moncloa que quere impulsar e fíxoo nun debate no Congreso que deixou clara a profunda división política que hai pola crise do coronavirus e a súa xestión. O pleno da Cámara Baixadebatiu a a segunda prórroga do decreto do estado de alarma, que en calquera caso vai volver a ampliar máis aló do 25 de abril, segundo confirmou o propio Sánchez.

Manter o estado de alarma segue sendo "esencial", advertiu Sánchez, quen insistiu en pedir a lealdade da oposición, porque "non se pode vencer a pandemia se non hai unha unidade en torno ao Goberno". Unha unidade que cre imprescindible tamén en Europa. Advertiu de que o proxecto europeo está "en perigo" se a UE non aplica a solidariedade "sen fisuras" ante esta crise, con emisión de eurobonos agora e máis adiante cun novo Plan Marshall.

E reclamou aos demais partidos, con especial énfase ao PP, que exerzan a súa "influencia" ante os seus correlixionarios europeos para facer ver que esta crise non distingue entre norte e sur ou esquerda e dereita e debe abordarse de forma global. "Só o que non cre na política como instrumento para o acordo renuncia ao acordo antes de tentalo", advertiu Sánchez ao pedir aos partidos que acudan a súa cita para buscar un gran acordo nacional, no que quere que estean tamén os axentes sociais e as comunidades autónomas.

 

Sánchez avisa que "un descoido", máis que un retroceso, sería unha recaída

Pedro Sánchez asegurou que "o último que debemos permitir sería un descoido, porque máis que un retroceso, suporía unha recaída".

Na súa comparecencia afirmou que todos os pactos cara á "nova normalidade" serán "graduados e moi cautelosos". E lembrou que precisamente a partir da próxima semana darase un primeiro paso cara a esa normalidade coa conclusión do permiso retribuído recuperable. Todos eses pasos, dixo, irán acompañados de medidas de hixiene persoal, colectiva e de control, e seguimento dos  contagios.

Convoca os partidos a semana que vén para buscar un gran pacto

Pedro Sánchez convocou todos os partidos políticos para a semana que vén para iniciar o diálogo en busca dun grande acordo económico e social para a reconstrución do país tras o coronavirus.

Na súa intervención no Congreso, Sánchez sinalou que quere integrar nese gran pacto aos axentes sociais e os presidentes autonómicos e ás forzas que "estean dispostas a arrimar o ombreiro". "Están dispostos?, eu estouno, só lles pido o que lles podo ofrecer, unidade e lealdade", dixo Sánchez.

O presidente do Goberno pide a UE solidariedade sen fisuras: "Agora ou nunca"

Pedro Sánchez tamén subliñou que seguirá esixindo á Unión Europea "solidariedade sen fisuras" ante a crise do coronavirus. "Non temos tempo que perder, agora ou nunca", dixo. Ademais, pediu aos partidos españois que "exerzan a súa influencia" ante os seus correlixionarios europeos para facer ver que esta crise é de todos e que non distingue entre norte e sur ou entre esquerda e dereita.

Na súa intervención, Sánchez sinalou que hai que ser "esixentes" ante a UE e volveu a defender os bonos europeos ao reclamar medidas que apoien o endebedamento público dos estados membros porque "esta crise non ten culpables" ao ser unha emerxencia "global e europea".

Ademais, considerou que os mecanismos financeiros dos que dispón a UE "non deben estar rexidos pola desigualdade e o castigo ante as supostas economías menores" porque todos, os Vinte e sete, loitan ante unha pandemia sen precedentes. Tamén advertiu de que "a austeridade non é o camiño" para atallar esta crise.

Sánchez reclamou aos partidos da oposición que teñen representación no Parlamento Europeo que "se fagan oír" e "defendan España" ante Europa. Reclamoulles igualmente que "fagan ver aos seus correlixionarios que esta pandemia non ten distinción entre norte e sur nin entre esquerda e dereita" porque é a "catástrofe máis feroz" á que nos enfrontamos e "Europa non pode mirar para cara a outro lado". Por iso pediu a estes partidos que -como o PP- teñen forza en Europa que "exerzan a súa influencia en favor de España e da UE".

Casado replica a Sánchez que non ten autoridade moral para pedir unidade

O líder do PP, Pablo Casado, replicou ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que a súa autoridade moral é "nula" para pedir "unidade e lealdade" á oposición, a pesar do que o Partido Popular votará a favor da segunda prórroga do estado de alarma porque o que lle guía é a "ética da responsabilidade".

Na súa intervención no debate desta segunda prórroga, dixo que Sánchez non ten autoridade moral porque pediu a dimisión do Goberno do PP cando foi a crise do ébola, e advertiulle que aínda que agora "no medio da tormenta" non lle vai a pedir responsabilidades, si o fará cando acabe esta crise.

Ademais, Casado reclamou a Sánchez "menos discurso voluntarista e máis humildade" e que faga autocrítica sobre a súa xestión desta crise que é "a crónica dunha pandemia anunciada" e esixiulle que diga a verdade, lembrando palabras de Alfredo Pérez Rubalcaba, ao dicir que "os españois merecen un Goberno que non lles minta, que lles diga sempre a verdade". Sobre todo "se o número de vítimas duplica" ao das cifras oficiais, instou ao presidente, poñendo en dúbida os datos que dá o Goberno dos falecidos polo coronavirus

Abascal asegura que España sairá fortalecida se Sánchez dimite

O presidente de Vox, Santiago Abascal, negou este xoves o seu apoio a Pedro Sánchez fronte ao coronavirus, aínda que apostou por manter o confinamento, e asegurou que España pode saír fortalecida da crise se dimite ao completo o Goberno de coalición do PSOE e Podemos.

"Paguen as nóminas e váianse", reiterou Abascal na súa intervención no pleno do Congreso durante o debate sobre a segunda ampliación do estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

Abascal cuestionou as cifras oficiais, que "ameazan con ser a gran mentira" da pandemia, e recalcou que Pedro Sánchez e Pablo Iglesias son os "responsables da maior taxa de mortalidade do mundo por coronavirus".

Por iso, reprochou ao presidente do Goberno que se atreveu "a prognosticar unha vitoria total con miles de mortos" e advertiu de que España "sairá desta, pero xa non hai vitoria total posible".

Podemos acusa o PP de estar fóra da Constitución por competir con Vox

O portavoz de Unidas Podemos no Congreso, Pablo Echenique, acusou este xoves ao PP de situarse "fóra da Constitución Española" na súa estratexia de competición con Vox, e reivindicou acordos políticos baseados na defensa da sanidade, os coidados e a xustiza fiscal.

Na súa intervención ante o pleno do Congreso que debate hoxe a prórroga do estado de alarma ata o 26 de abril, Echenique cuestionou o papel do principal partido da oposición nun "momento histórico" como o actual.

"Se hai 43 anos o PP non foi todo o constitucionalista que podería ser, parece que hoxe tampouco están á altura. Na súa persecución a Vox, á extrema dereita, hoxe, como hai 43 anos, vostedes están fóra da Constitución", dixo Echenique dirixíndose á bancada do PP.

Cs pide a Sánchez que colla a súa "man leal", pero avisa de que non é cheque en branco

O portavoz adxunto de Cs, Edmundo Bal, pediu a Pedro Sánchez que "colla a man de Ciudadanos, porque é unha man leal", pero advertiulle tamén que "non é un cheque en branco" e que se non cumpre os compromisos adquiridos co partido laranxa non apoiarán ao Executivo.

"Eu tamén estou enfadado, pero agora non toca enfado", subliñou Bal, recuperado do coronavirus, aínda que non puido facer o test por falta destas probas, dixo tras comprometer o apoio de Cs á segunda prórroga do estado de alarma, que se votará este xoves na Cámara tras o debate.

Segundo subliñou o portavoz adxunto, non entende que se poida votar doutra maneira e que alguén queira que o luns xa estea todo o mundo na rúa. "Non arruinemos este esforzo", avisou.

O BNG pide que non se volva á actividade polo momento

O deputado do BNG Néstor Rego considerou que renovar a actividade en centros de traballo "masificados e sen medidas de seguridade" é un "erro" e unha "irresponsabilidade", porque pode supoñer un "rebrote indesexado" da pandemia. "A prioridade é salvar vidas e non a conta de resultados", afirmou.

Ademais, criticou a "recentralización" que cre que iniciou o Goberno que, ao seu xuízo, foi aproveitada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para ocultar a súa "inacción, inoperancia e incapacidade", xa que, aínda que aprazou as eleccións autonómicas, "non a campaña electoral", reprochou.