CRTVG

Buscar

Sánchez pide a Alcoa que reconsidere o ere tras recibir "millóns en axudas públicas"

Publicado o 02/07/2020 18:34

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, pediu a Alcoa que reconsidere a súa decisión de despedir 534 traballadores da súa planta de San Cibrao, en Lugo, e que ofreza unha resposta distinta capaz de manter as capacidades produtivas na comarca, sobre todo despois de recibir "unha cantidade de millóns de axudas" por parte do sector público nos últimos anos.  

En declaracións a La Sexta, o presidente avanzou que o Goberno xa está a falar cos sindicatos e coa multinacional produtora de aluminio para "esixirlle" un maior compromiso con Galicia.  

Sánchez pediulle á empresa estadounidense que decida sobre o seu futuro no país e que, no caso de que non se comprometa coas comarcas onde está presente, que deixe paso a outras empresas para que invistan e inxecten capital no mantemento das capacidades produtivas e o emprego.  

O presidente referiuse á "cantidade de millóns" que Alcoa recibiu por parte do Estado nos últimos anos, tanto baixo gobernos socialistas como do Partido Popular, polo que cre que o país merecería unha reconsideración e unha resposta distinta á que está a dar

Noticias web

02/07/2020