CRTVG

Buscar

Sánchez irá ao Congreso cada dous meses e promete revisar o estado de alarma en marzo

Publicado o 28/10/2020 09:42

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, pediulle ao líder do PP, Pablo Casado, o seu apoio ao estado de alarma coa proposta de que o Consello Interterritorial de Saúde o revise en catro meses, o vindeiro 9 de marzo, para levantar a medida en caso de que sexa posible.

Casado respondeu a proposta de Sánchez salientando que os cidadáns "non queren máis bandazos" e insistiu en que o xefe do executivo pretende "eludir o Parlamento", aínda que volveu tender a man para lograr un acordo. "Por min non vai quedar", dixo.

Pedro Sánchez elevou esta proposta ao líder do PP na sesión de control do Congreso, un día antes de que as Cortes debatan a prorrogación do estado de alarma ata o 9 de maio de 2021.

"O Goberno de España está pola unidade, e a unidade significa escoitar e tender a man", dixo. 

O líder do PP reclamoulle "rectificar e ser humilde" e "abandonar os pactos" cos "radicais". "Menos cesarismo de ordeno e mando", díxolle.

Lamentou previamente que, a pesar de que o Goberno falara hai uns días dunha situación estable, Sánchez promoveu un estado de alarma de seis meses "sen control parlamentario nin xudicial que excede o estado de dereito". Ademais, considerou que o xefe do executivo "se avergoñou tanto desta cacicada" que "nin sequera" é el o que chega ás Cortes este xoves para defender a declaración do estado de alarma.

Na súa resposta, Sánchez acusou o PP de "cometer erro tras erro" na súa estratexia de oposición.
Criticou a Casado por "denigrar" o instrumento constitucional do estado de alarma e cualificalo de "ditadura constitucional". "Ou é ditadura ou é constitucional, señor Casado", apuntou.

O PSOE apoiará que Sánchez compareza cada dous meses no Congreso               

O PSOE apoiará a proposta de ERC para que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, compareza cada dous meses ante o pleno do Congreso mentres dure o estado de alarma e informe da evolución da segunda onda da pandemia. 

Fontes socialistas informaron que a súa posición respecto desta medida proposta polo portavoz de ERC, Gabriel Rufián, será favorable no pleno de mañá xoves, cando o Congreso debaterá e previsiblemente autorizará a prorrogación de seis meses do estado de alarma. 

Outro punto que apoiará o PSOE, tamén a pedimento de Rufián, será que a Conferencia de Presidentes, catro meses despois da entrada en vigor da prórroga, é dicir, a partir do 9 de novembro, poida pedir ao Goberno que levante o estado de alarma. 

Para iso, o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde tería que reunirse previamente e emitir un acordo favorable respecto diso, "á vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais e económicos”, sinala ERC na súa proposta de resolución.

Noticias web

28/10/2020