CRTVG

Buscar

Sánchez defende un "estado de alarma distinto" e o PP négalle o apoio

Publicado o 13/05/2020 13:57

O presidente do Goberno defendeu hoxe manter un estado de alarma "distinto", porque considera que esta figura segue sendo necesaria para culminar a desescalada.

Tras coñecerse que o Goberno está pulsando os partidos para que apoien unha nova prórroga do estado de alarma dun mes e non de 15 días como ata o de agora, Pedro Sánchez apelou, na súa comparecencia no Congreso nunha nova sesión de control, á unidade.

Na súa intervención, Sánchez volveu pedir unidade na loita contra a pandemia do coronavirus, fronte aos "argumentos de cartón pedra" que lle reprochou ao líder do Partido Popular, Pablo Casado.

O presidente defendeu "o camiño é o da unidade" porque "salva vidas, empresas e postos de traballo". Nese sentido pediulle ao xefe da oposición "que abandone a confrontación e arrime o ombreiro".

O líder do PP, Pablo Casado, acusou o Goberno da "mesma propaganda en España e as mesmas mentiras en Europa" que en 2010, cando o Goberno presidido por José Luis Rodríguez Zapatero "atacou o estado do benestar como nunca". 

Casado defendeu o plan presentado polo seu partido para a reactivación económica. segura que o plan que presentou o seu grupo defendeu o plan presentado polo seu grupo para a reactivación económica "con máis liquidez e redución de custos fiscais e burocráticos".

O presidente dos populares avogou de novo por substituír o estado de alarma pola lexislación básica e censurou a posición do Goberno. "Vostede esixe que veñamos estender de novo o manto de armiño", reprochoulle ao presidente, e engadiu: "Ata aquí chegamos, non o apoiaremos para arruinar España por terceira vez".

Calvo fronte a Álvarez de Toledo

Hoxe tamén interveu na sesión de control a vicepresidenta primeira, Carmen Calvo, por primeira vez desde que se incorporou á actividade tras padecer o coronavirus. Calvo pediulle racionalidade á deputada popular Cayetana Álvarez de Toledo, que lle reprochou falta de previsión. 

Álvarez de Toledo dixo que "a súa neglixencia cóntase en milleiros de vidas rotas e millóns arruinadas", e engadiu: "Se por isto non dimite, entón por que".

Calvo lamentou que a deputada do PP non busque puntos de coincidencia e colaboración. "A vostede resúltalle tan difícil no seu marco mental que é incapaz", dixo.

Calvo tamén defendeu, na súa resposta ao portavoz de ERC, Gabriel  Rufián, que o Goberno respondeu "rápido" ao coronavirus, pero o portavoz independentista recriminoulle que moitas das medidas aprobadas non se están cumprindo.

Segundo  Rufián, hai 700.000 persoas que non cobraron os expedientes de regulación de emprego temporais ( ERTE) e 300.000 que non recibiron a prestación do paro, mentres que os créditos ICO están a ser utilizados con "usura" pola banca, que obriga a autónomos e pemes a comprar paquetes de pólizas de vida.

"Responder en tantas direccións, tan rapidamente, de maneira case única na historia do noso país non casa coa perfección", admitiu Calvo.

Polémica por Díaz Ayuso

Desde o PP, Teodoro García preguntoulle ao vicepresidente do Goberno, Pablo Iglesias, se "están negociando coa saúde dos españois para manter a pouca saúde que lle queda ao Goberno". Iglesias respondeu: "O que facemos é defender o interese xeral, mentres vostedes son noticia por defender o seu interese particular", en alusión á polémica en que está enleada a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, ao residir nun apartamento de luxo en condicións supostamente vantaxosas proporcionadas por un empresario hoteleiro.

O apartamento "estao pagando un empresario, temos de novo un caso de corrupción e a cidadanía, en situación de pandemia, non o vai consentir", concluíu Iglesias.

O Goberno saca adiante o decreto da xustiza co apoio do PNV e ERC

O pleno do Congreso validou este mércores o real decreto de medidas organizativas e procesuais deseñadas para evitar o colapso da Xustiza, un proxecto que recibiu numerosas críticas no hemiciclo e que o Goberno conseguiu sacar adiante co apoio do PNV e de ERC. O decreto, que se tramitará como proxecto de lei para que os grupos poidan incluír emendas, como reclamaron os republicanos cataláns, recibiu 178 votos a favor, 161 en contra e 10 abstencións.

O ministro de Xustiza, Juan Carlos Campo, destacou que as medidas foron acordadas con todos os conselleiros do ramo, tamén cos do PP e Ciudadanos, e pediu sen éxito a eses partidos que estivesen á altura dos seus correlixionarios con responsabilidades de xestión.

O Congreso aproba máis axudas económicas con apoio de Cs e abstención do PP

O Goberno volveu a aprobar un novo paquete de medidas económicas dirixidas a reforzar o financiamento de pemes e autónomos e de ámbito fiscal co apoio de Ciudadanos, ERC, JxCAT e PNV, entre outras formacións e coa abstención do PP. A

vicepresidenta de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, pediu o apoio unánime do Congreso ás últimas medidas económicas aprobadas polo Goberno tendo en conta que os avais do Estado a través do ICO financiaron xa 318.000 operacións e mobilizaron 41.266 millóns.