CRTVG

Buscar

Sánchez confirma que o Consello de Ministros de hoxe vai aprobar a suba salarial dos funcionarios

Publicado o 21/01/2020 09:23

Imaxes cedidas por TVE

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, confirma na primeira entrevista trala conformación do Goberno que a suba salarial dos funcionarios se vai aprobar no Consello de Ministros de hoxe. Será unha suba con efectos retroactivos a día 1 de xaneiro de 2020.

Pedro Sánchez, presidente do Goberno: "Ímoslle subir o soldo aos empregados públicos que é o que acordamos, e non só porque é de xustiza, porque os traballadores e traballadoras públicos viron recortado o seu poder adquisitivo nos anos de crise económica, senón tamén porque é un acordo que alcanzamos cos sindicatos".

O Goberno dará luz verde á declaración de emerxencia climática

O Goberno prevé aprobar este martes a declaración de emerxencia climática en España para facer fronte con máis contundencia aos graves impactos derivados do cambio climático.

Esta medida, confirmada por fontes gobernamentais, será implantada co novo Goberno de coalición recentemente investido, despois de que o Congreso dos Deputados aprobase o pasado setembro unha moción pola que se instaba ao Executivo para declarar a emerxencia climática en España.

A iniciativa parlamentaria tiña como obxectivo arbitrar de forma urxente medidas de mitigación e adaptación ante a crise climática e ecolóxica, aínda que o seu contido foi menos ambicioso do previsto, debido a que o Goberno non estaba aínda en plenas funcións.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, xa salientou no seu discurso de investidura que situaría a transición ecolóxica "en primeira liña" do novo Executivo coa aprobación dunha Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética "con obxectivos ambiciosos" na redución de emisións de gases de efecto invernadoiro.

O obxectivo será alcanzar en 2050 unha xeración de electricidade con orixe 100 % renovable, e entre o 85 % e o 95 % en 2040.

A declaración de emerxencia climática por parte do Goberno español vén precedida de recentes resolucións similares a finais de 2019, como a do Concello de Madrid e o Parlamento Europeo e outras máis recentes este ano do Concello de Barcelona e o Parlamento de Canarias.

Noticias web

21/01/2020