Sánchez asegura que o obxectivo da moción é sementar o odio e a divisón
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, reprochoulles a Vox e ao seu líder, Santiago Abascal, presentar a moción de censura coa única intención de "sementar discordia e odio entre os españois", provocar a "confrontación" e "distraer as enerxías" que deberían dedicarse a resolver os problemas do país.
Na súa primeira intervención no debate da moción de censura presentada por Vox, criticou que tras tres horas o único que se escoitou "non vai máis aló do insulto e a descualificación". Tamén lamentou que "non houbo nin unha proposta". "Ben, unha, como temos que ir vestidos, logo dirá que non é fascismo, que é estilismo", ironizou.
Sánchez sinalou que a España que Vox defende e di que representa "aborrece e nega" a España "diversa" moderna e europeísta que defende o Executivo. E advertiu a Abascal de que o Goberno non pensa caer en ningunha das provocacións vertidas durante a súa intervención e a do portavoz do partido nas primeiras intervencións, nin as que poida seguir tentando mentres dure este debate.