CRTVG

Buscar

Sánchez, aberto ao diálogo sobre o Nadal: "Estamos no inicio da fin da pandemia"

Publicado o 25/11/2020 17:26

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, lanzou este mércores unha mensaxe de optimismo ao asegurar que xa "estamos no principio da fin da pandemia" e defendeu as restricións para Nadal propostas polo seu executivo, aínda que afirmou estar aberto a dialogar coas comunidades.

Sánchez referiuse á evolución da pandemia na conferencia de prensa posterior ao cume España-Italia que se celebrou en Palma e na que compareceu xunto ao primeiro ministro italiano, Giuseppe Conte. Ao preguntarlle pola posibilidade de que o Goberno estea disposto a estudar a petición da Comunidad de Madrid de permitir que poida haber reunións de ata dez persoas en Nadal, en lugar das seis previstas polo Executivo, dixo que o que expuxo o seu Gabinete é unha proposta inicial.

"Esperamos chegar a un acordo co conxunto de comunidades para unhas datas tan singulares como o Nadal", engadiu.

Tras lembrar as diversas fases no combate contra a pandemia, reiterou que o estado de alarma actual tivo efectos positivos a pesar de que siga habendo un número de falecidos alto que é inaceptable. Ao referirse á estratexia de vacinación que forma parte dunha terceira fase, é cando sinalou que, con ela, estase ante "o principio de fin desta pandemia". "Estamos ás portas de neutralizar ao virus", insistiu antes de subliñar que será o Consello de Política Interterritorial o que decida os detalles concretos sobre o número de persoas que se poderán reunir en Nadal.

Si deixou claro que o número de seis proposto polo Goberno non é caprichoso, senón que responde os consellos dos profesionais sanitarios e a ciencia para que non volva aumentar a curva de contagios. Por iso instou a seguir as súas instrucións aínda que reiterou a disposición do Executivo ao diálogo. 

Noticias web

25/11/2020