CRTVG

Buscar

Illa pídelle ao PP que sexa "un partido de Estado" e apoie a prórroga do estado de alarma

Publicado o 29/10/2020 09:15

• Casado xustifica a súa "abstención crítica" porque non pode "avalar o atropelo legal" de Sánchez


 

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, pediulle ao PP que apoie a prórroga do estado de alarma "polo ben de todos" e demostre que está nunha oposición "construtiva", "de Estado" e que "consolida" a posición que mostrou a semana pasada rompendo con Vox.

Na súa intervención no Congreso, ante a presenza do xefe do Executivo, Pedro Sánchez, para defender a prórroga de seis meses do estado de alarma, Illa lembroulles aos populares que esta é unha "resposta constitucional con medidas constitucionais a unha situación excepcional para protexer a saúde dos españois".

"Deben facer unha reflexión e tomar unha decisión", díxolles aos populares, aos que tamén lembrou que o Goberno "está a facer o mesmo que fan a maioría dos gobernos e apoian a maioría das oposicións con sentido de Estado de toda Europa".

Lembrou que unha maioría da oposición elixiu "o camiño da colaboración, a unión e o apoio compatible con críticas construtivas", e outra parte, Vox, apostou pola "confrontación". Pediulle ao PP que elixa en que lado quere estar: se no da oposición construtiva como partido de Estado e consolidando a posición que Pablo Casado defendeu a semana pasada rompendo con Vox, ou "coa ultradereita". "Sinceramente, espero que polo ben de todos unan as súas forzas ao Goberno para dar unha resposta contundente á segunda onda" da pandemia, recalcou o ministro.

Casado xustifica a súa "abstención crítica" porque non pode "avalar o atropelo legal" de Sánchez

O líder do PP, Pablo Casado, denunciou a "imprevisión" do Goberno nesta segunda onda do coronavirus e xustificou a "abstención crítica" do seu partido na prórroga do estado de alarma para "non deixar o campo sanitario descuberto, pero para non avalar o atropelo legal que fixeron".

"Vén aquí acusar o PP e a botarnos en cara que as comunidades teñan que usar os únicos mecanismos legais que vostedes lles permiten utilizar, deixándoas abandonadas e non asumindo con coraxe, con decisión, con determinación, con eficacia e con patriotismo a loita contra esta pandemia", criticou o presidente do PP.

Na súa intervención no pleno do Congreso no debate da prórroga do estado de alarma, Casado  cargou contra o "ausente" Pedro Sánchez fronte a Enmanuel Macron e Angela Merkel, que lideraron a pandemia nos seus países.

Illa advierte de que non é momento de relaxar as medidas e que as festas este ano "serán diferentes"

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, advertiu  de que chega "un inverno longo" pola alza dos casos de covid-19, polo que avanzou que as festas este ano "serán distintas". Na súa intervención ante a cámara baixa para defender a pertinencia do estado de alarma, o ministro mandou unha mensaxe á cidadanía para que continuen sen "relaxar as medidas" contra o virus, a pesar de "estar cansos" de "non poder abrazar" os seus familiares e do resto de alteracións que provocou a covid-19 na sociedade española.

En calquera caso, adiantou que aínda "queda un horizonte amplo por diante" de convivencia co virus. "Chega un inverno longo, teremos unhas festas distinas ás que nos teremos que adaptar. Trátase de protexer a nosa poboación vulnerable e o noso sistema sanitario. Trátase de protexernos todos para protexer a saúde da poboación", argumentou, pedindo, en consecuencia, aos cidadáns que respecten as medidas de uso de máscaras, hixiene de mans, menos mobilidade, máis ventilación e maior tempo posible de actividade ao aire libre.

A prórroga sairá adiante co apoio, entre outros, de Ciudadanos, PNV, BNG ou Esquerra, despois de negociar que Sánchez renda contas no Congreso cada dous meses.

Case todos os grupos criticaron a ausencia de Sánchez. Vox, que votará en contra da alarma, anunciou un recurso no Constitucional.

 

 

 

Noticias web

29/10/2020