CRTVG

Buscar

Sae da cadea o principal sospeitoso da desaparición de Yéremi Vargas

Publicado o 09/03/2020 14:45

Queda en liberdade Antonio Ojeda, o principal sospeitoso da desaparición do pequeno Yéremi Vargas hai trece anos. Estaba no cárcere non polo caso de Yéremi, senón por abusar doutro menor, xa que a xustiza non atopara indicios para incriminalo.

Antonio Ojeda, alcumado o Rubio, abandonou esta mañá a prisión canaria de Salto del Negro.

Quedou en liberdade tras cumprir unha condena de cinco anos por agresión sexual a un menor no 2012.

A súa saía da cadea prodúcese un día antes de que se cumpran 13 anos da desaparición do pequeno Yeremi Vargas, desaparición da que el segue sendo o principal sospeitoso.

O xuíz instrutor primeiro e a Audiencia das Palmas despois concluíran que non había indicios sólidos para incriminalo na desaparición do pequeno, a tarde do 10 de marzo de 2007.

A familia de Yéremi acollera con fondo malestar a decisión da xustiza por entender que había probas abondo contra el.

A súa posta en liberdade hoxe, aínda que por outro delito, engade, en palabras da nai, rabia, medo e preocupación.

O novo equipo de avogados da familia do pequeno desaparecido ten previsto pedir esta mesma semana a reapertura do caso e a recusación do xuíz instrutor.

 

Noticias web

09/03/2020