CRTVG

Buscar

'Saca peito por elas', a nova campaña da AECC para visibilizar o cancro de mama

Publicado o 19/10/2020 15:54

"Sacando peito", así é como a Asociación Española contra o Cancro pretende visibilizar unha doenza que afecta principalmente ás mulleres e que ten unha incidencia moi alta.

"O ano pasado diagnosticáronse máis de 33.000 novos casos de cancro o que significa que cada 15 segundos hai un diagnóstico novo", conta Ana Peinó, da xunta local da AECC en Santiago.

A incidencia é alta, pero tamén a taxa de supervivencia, que é do 90%.

"Iso quere dicir que 9 de cada 10 mulleres seguen vivas 5 anos máis tarde. É unha cifra fantástica pero non nos queremos quedar aí queremos seguir avanzando", di Ana Peinó.

Avanzar significa investigar, por iso necesitan cartos para financiar os proxectos que xa teñen en marcha.

"Concretamente, agora temos 47 proxectos liderados por 160 investigadores. Todo iso hai que financialo de algunha maneira, cos nosos socios e despois con produtos da campaña de mama, como poden ser estas máscaras como a que levo posta e portamáscaras, lentes, etc", explica Peinó.

Ademais do impacto emocional e sobre a saúde, este cancro provoca unha situación económica moi difícil nas familias. Así o revela un informe financeiro.

Ana Peinó conta que "son 42.000 euros os que pode gastar unha familia. Son os gastos reais, os gastos ocultos e tamén o diñeiro que se deixa de percibir".

Hoxe, no Día Mundial do Cancro de Mama, todos debemos sacar peito.

Noticias web

19/10/2020