CRTVG

Buscar

Rusia e Hungría rexistran récord de contaxios diarios

Publicado o 16/11/2020 14:50

Rusia e Hungría rexistraron este luns un novo máximo de contaxios diarios desde o inicio da pandemia. O Goberno húngaro reforzou a semana pasada as medidas para atallar a propagación do virus decretando o peche de bares e restaurante e establecendo un toque de recollida a partir das oito da tarde.

Os case 23.000 contaxios por coronavirus detectados nas últimas 24 horas en Rusia supoñen un novo máximo diario. Neste mesmo período de tempo, faleceron nos hospitais rusos outras 300 persoas. 

As taxas máis elevadas de novos infectados seguen rexistrándose en Moscova, a capital rusa, onde a partir deste luns pechan os museos e os cines e teatros funcionaran a unha cuarta parte da súa capacidade.

En Hungría, as autoridades reforzaron a semana pasada as restricións para intentar dobregar a curva de propagación do virus, pero as cifras seguen sendo malas. Case 6.500 novos infectados e 93 mortos nun só día.

Nos hospitais húngaros hai algo máis de 7.000 persoas ingresadas con covid-19, das que case 600 están en módulos para críticos.

As novas restricións introducidas polo Goberno de Viktor Orban inclúen un toque de recollida nocturno a partir das oitos da tarde e o peche de bares, restaurantes e museos.

Onde a situación parece ir mellorando é en Francia, onde descende o número de contaxios diarios e a porcentaxe de positivos, aínda que aumentan os ingresos hospitalarios.

Noticias web

16/11/2020