CRTVG

Buscar

Rouban mercadoría alimentaria no Corgo por valor de máis de 20.000 euros

Publicado o 28/01/2020 14:03

Unha banda organizada asaltou esta nave dunha empresa de distribución alimentaria do Corgo. Forzaron a porta e levaron un camión do propio negocio cargado con embutidos, queixos e bacallaus por valor duns 22.000 euros. Cando os donos do negocio se decataron de que lles estaban a roubar, os ladróns fuxiron co botín.

"Levaron o camión de dentro. Levárono cargado, que estaba para a feira, e botaron máis do que había alí no almacén. Levaron queixos, xamóns, lombo... Todo o que atoparon por diante, todo o que puideron. Ao sentiren, saíron como avións, pero eu non os podía amarrar".

O camión, valorado en preto de 50.000 euros, puido ser recuperado, pero non así os máis de 5.000 quilos de alimentos que levaron. Tamén no Corgo, asaltaron outras catro naves no polígono industrial. Na máis prexudicada, dedicada á maquinaria para o gando, provocaron danos por valor de 4.000 euros, aínda que os donos non botaron nada en falta. E nun taller de camións forzaron o motor da reixa e mais racharon o cristal dunha ventá para intentar subtraer a máquina do café.

"Cando chego, ás sete e media da mañá, tópome co cristal da ventá totalmente roto e a máquina do café no chan. Rebentáronnos un estor daquela fiestra e o motor da entrada da porta da rúa. E mais revolvéronnos na oficina do xefe de taller. Eu penso que o que buscaban era diñeiro, máis que outra cousa, porque estaba todo patas arriba".

A Garda Civil investiga agora a autoría destes asaltos ás naves industriais do Corgo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

28/01/2020