CRTVG

Buscar

Rouban material de traballo valorado en máis de 4.000 euros nun alpendre de Carreira

Publicado o 06/02/2020 14:24

Ramón vive dende hai uns corenta anos neste domicilio do lugar de Parte ao Río, na parroquia de Carreira. Porén, hai uns días, cando se dirixía ao alpendre situado ao carón da vivenda, tivo que enfrontarse a unha situación que nunca vivira. Durante a noite, alguén entrara na súa casa e marchara con gran parte do material alí almacenado.

O propietario do inmoble sospeita que os ladróns puideron entrar pola zona axardinada contigua á casa, á que tamén intentaron acceder por unha das ventás do piso inferior, aínda que non o conseguiron. Non obstante, do pendello levaron unha boa cantidade de maquinaria e ferramentas valoradas en máis de 4.000 euros.

Os autores do furto tamén intentaron levar o motor do pozo, pero finalmente só forzaron a porta onde se agocha. Con todo, este domicilio familliar non é o único afectado polos roubos na parroquia de Carreira. Hai unhas semanas, entraron na casa contigua á de Ramón. Así mesmo, poucos días antes deste último incidente, os ladróns tentárono no bar O Rastro, localizado a só uns metros da vivenda furtada, pero marcharon coas mans baleiras. Polo de agora, e tras denunciar o suceso ante a policía, os propietarios do alpendre roubado descoñecen a autoría dos feitos.

Noticias web

06/02/2020