CRTVG

Buscar

Rouban dúas veces en dous días no CEIP de Guillarei

Publicado o 28/10/2020 13:30

Gran susto nun breve período de tempo. Isto foi o que viviu o CEIP de Guillarei, en Tui, tras sufrir dous asaltos en apenas 48 horas. Alguén rompeu os cristais dunha ventá na zona de infantil e levaron material tecnolóxico. A sorpresa chegou aos dous días, cando o director foi ata o centro e viu que romperan a ventá de secretaría e levaran máis dispositivos e cartos.

"Iso é o curioso, en dous días recibimos dúas visitas. A primeira foi na noite do xoves para o venres no edificio de infantil. Conseguiron levar catro portátiles e unha tableta, e o que menos esperábamos é que dous días máis tarde viñeron a primaria. Aquí si que levaron menos, pero os danos foron maiores".

Os dous asaltos tiveron lugar de noite e non había ninguén no interior. Polo de agora non puideron cuantificar o valor dos elementos subtraídos e os danos materiais. As clases continuaron sen ningún problema e os feitos puxéronse en coñecemento da Garda Civil.

"Estivo a Garda Civil coa investigación tomando pegadas. Temos un persoal de infantil espectacular e entón aproveitou e díxolles: mira, xa ides ver de primeira man como se toman pegadas. Así os nenos aprenderon algo tamén. Os nenos, moi ben".

Sospeitan que podería tratarse da mesma persoa polo modo en que actuou. Causou importantes estragos e moita desorde. Dende o centro solicitan a colaboraicón cidadá por se algún dos días viron algunha persoa polas inmediacións do centro.

 

Noticias web

28/10/2020