CRTVG

Buscar

Rouban 6.000 euros en ferramentas dunha obra de Lugo

Publicado o 05/11/2020 12:59

As obras de construción do novo colexio do barrio do Sagrado Corazón, en Lugo, foron asaltadas polos amigos do alleo. Forzaron a porta de entrada e fixéronse con diferentes ferramentas que utilizan os albaneis como trades, inxectadoras ou máquinas de corte. En total o valor do roubado é de arredor de 6.000 euros mentres que os danos causados nas instalacións ascenden a outros 2.000. Foi unha persoa que estaba a pasear a que deu aviso a policía ao comprobar que a porta estaba forzada.

"O responsable das obras comprobou que había desperfectos e unha das empresas denunciou que lle faltaba maquinaria de todo tipo da que utiliza para traballar", explica Manuel Arias, voceiro da Policía Nacional en Lugo.

Todo indica que o roubo se produciu de noite porque de día é continuo o paso por diante das obras de persoas que van e veñen do centro da cidade. Nese caso, ademais do roubo, os ladróns terían violado o toque de queda. As ferramentas que levaron, por ser de precisión, poden ter alto valor no mercado negro aínda que son fácilmente rastrexables.

"Ten toda a pinta de que entraron de noite porque o roubo se detectou á mañanciña. Se foi así, ademais do ilícito penal por roubo habería un ilícito administrativo por incumprir o toque de queda", afirma Manuel Arias.

Dende a policía lembran a importancia de deixar as ferramentas ben gardadas e de procurar que as obras teñan algún tipo de sistema de alarma ou vixilancia.

Noticias web

05/11/2020