CRTVG

Buscar

Rouban 400 quilos de cobre no antigo Hospital Xeral de Lugo

Publicado o 27/02/2020 14:43

Saltaron o valado metálico que rodea todo o perímetro do antigo hospital Calde de Lugo e levaron 400 quilos de cobre valorados en 3.000 euros. O cobre atopábase na parte traseira do inmoble, dentro dun colector pechado con cadeado. Os ladróns forzaron o colector e sacaron á man unha a unha as pezas do metal porque ata o lugar non se pode acceder con ningún vehículo.

Malia que no antigo hospital, que está en obras, hai cámaras de videovixilancia e gardas de seguridade as 24 horas do día, os autores do roubo foron quen de non ser detectados. Por iso, todo indica que tiñan vixiadas as obras e sabían onde estaba o cobre e en que momento actuar.

"Ao lugar non se pode acceder cun vehículo e pensamos que o sacaron todo á man entre un grupo de varias persoas".

O habitual é que neste tipo de roubos o material subtraído sexa vendido posteriormente no mercado negro, onde o cobre pode pagarse ata a 5 euros o quilo. Agora a Policía Nacional está a investigar nos concellos lindeiros co de Lugo para ver se o metal xa foi vendido nalgún deles. Dende o corpo policial advirten que mercar ese material roubado tamén constitúe un delito e recomendan que sempre se investigue a procedencia do cobre antes de pagar por el. Lembran tamén que o metal leva numerosos elementos identificadores, pero neste caso, e por tratarse de material usado, non vai ser tan doada a identificación.

"Quen merque este material roubado tamén pode incorrer nun delito, polo que sempre é preciso comprobar a procedencia do metal que se merca".

Agora os responsables das obras no antigo hospital estudan reforzar as medidas de seguridade e facer unha retirada diaria dos residuos de máis valor.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/02/2020