CRTVG

Buscar

Pedro Sánchez confirma que a próxima semana o Goberno aproba o ingreso mínimo vital

Publicado o 23/05/2020 20:47

O Goberno aprobará a vindeira semana o ingreso mínimo vital, segundo  anunciou o presidente do Goberno. Será nun consello de ministros que tamén decretará 10 días de loito oficial. Pedro Sánchez anunciou ademais outras medidas para a reactivación económica. España comezará a recibir turistas estranxeiros a partir do mes de xullo.

Asegura que, dentro de cinco semanas, o noso país será un destino seguro. Na súa comparecencia,  tamén tivo que responder as preguntas dos xornalistas sobre a crise aberta a causa do pacto con Bildu para a derrogación da reforma laboral. Asegura que buscaron acordos tras a negativa do PP a apoiar o estado de alarma. 

O presidente do Goberno indicou sobre o ingreso mínimo vital, que será unha prestación que irá a cargo da Seguridade Social, beneficiará cerca de 850.000 fogares e terá un custo de 3.000 millóns de euros anuais. A previsión é que comece a cobrarse en xuño. Sánchez dixo que prestacións similares existen noutros países europeos e que vai amparar a moitas das persoas que están en pobreza severa.  

O presidente do Goberno deu a coñecer algunhas novidades, entre elas a convocatoria de dez días de loito oficial polos falecidos durante a pandemia do coronavirus, que comezará o martes 26 de maio cando se celebre o consello de ministros.

Máis adiante celebrarase un funeral de Estado en memoria e homenaxe a todos os finados nesta pandemia.

Na súa comparecencia deste sábado, o xefe do executivo anunciou que a partir de xullo os estranxeiros xa non terán que pasar corentena ningunha, polo que anima a todos os hostaleiros a preparar a temporada estival.

Sánchez xustifica que a negativa do Partido Popular a absterse a prorrogación do estado de alarma foi o que "fai que se abra a espita na interlocución con outros grupos parlamentarios a cuestións que non teñen que ver coa emerxencia sanitaria" do coronavirus. 

Di que "o Goberno non tiña garantida esa votación" en referencia á última prórroga do estado de alarma, aprobada no Parlamento o mércores pasado, e cualificou de "irresponsable" a actitude de oposición do PP.