CRTVG

Buscar

Rexístrase en Tordoia un tremor de terra de magnitude 3 que se sentiu en municipios próximos

Publicado o 04/06/2020 16:48

Centrámos nos concellos de Ordes e Tordoia. Os seus veciños aínda teñen o susto no corpo. Porque un  tremor de 3 graos de intensidade fixo espertar a máis dun esta noite.

Un terremoto fixo tremer esta noite boa parte da provincia da Coruña. O epicentro deste sismo de magnitude 3 situouse entre os concellos de Tordoia e Ordes, e, aínda que afortunadamente non rexistrou danos, provocou a alarma de moitos veciños da zona e mesmo de lugares máis alonxados coma A Laracha, Carballo ou mesmo Santiago de Compostela. 

Eran as 11 e 18 minutos da noite. A esa hora moitos veciños estaban xa na cama. Primeiro pensaron que se trataba dunha treboada máis dos últimos días. Pero logo se decataron de que o que sentiron fora un tremor.

Segundo os datos do Instituto Xeográfico Nacional, o tremor tivo unha magnitude de tres graos e situouse a uns catro quilómetros de profundidade. Os seus efectos deixáronse sentir nunha ampla zona da provincia da Coruña. Desde Carballo e Santiago ata Ferrol.

Trátase dun dos sismos máis fortes rexistrados na Coruña nos últimos anos, cunha intensidade catro polos seus efectos. 

Non foi o único tremor esta noite en Galicia. Outros dous pequenos movementos de 1,8 graos rexistraronse ás tres da madrugada en Castro Caldelas e Cartelle.