CRTVG

Buscar

Feijóo agradece a oferta de diálogo de Pontón e Caballero

Publicado o 03/09/2020 15:21

• Pontón e Caballero criticaron a xestión sanitaria do Goberno galego, pero tenderon a man para chegar a acordos para a recuperación

Alberto Núñez Feijóo vai ser investido hoxe presidente da Xunta de Galicia por cuarta vez consecutiva.

Votarase pola tarde, pero esta mañá no debate de investidura interviñeron os grupos e a sanidade volveu centrar os discursos. Feijóo pediu non usala como arma política e dixo que a seguirá defendendo nesta lexislatura.

Os socialistas e os nacionalistas coincidiron en que esta é a lexislatura dos acordos para saír da Covid. Caballero ofreceu man tendida para reconstruír Galicia e Ana Pontón insistiu nun acordo de país en que estean sindicatos e organizacións sociais. Ambos os dous pediron máis investimentos para loitar contra a pandemia e recuperar a economía.

O Partido Popular recolleu o ofrecemento do pacto porque, dixo Pedro Puy, hai que resolver os problemas da xente.

Ao final do discurso, Feijóo volveu referirse á necesidade de acordos, sobre todo en materia de educación e sanidade.

Gonzalo Caballero, PSdeG

A primeira intervención foi a do voceiro do grupo socialista, Gonzalo Caballero, que comezou cun saúdo aos galegos e familias que sufriron a crise sanitaria: as familias dos falecidos e contaxiados e os ingresados na UCI.

"A xustiza recuperou o Pazo de Meirás", dixo Caballero, "un avance para a memoria histórica. Así mesmo, recoñeceu o traballo feito polas administracións". 

Fixo alusión aos pasados comicios, en que, segundo Caballero, caeu o nivel de participación. Malia que agradeceu aos galegos que votaron o PSdeG. 

Falou de catro liñas de avance: a defensa do social, referíndose ao sistema sanitario, a política social, a educacion e a "defensa da causa feminista; a reactivación económica; a rexeneración e calidade das institucións, e un acordo, "o maior acordo é que Galicia ten un estatuto e un autogoberno", dixo Caballero.  

Ana Pontón, BNG

A seguinte intervención foi a de Ana Pontón, que comezou falando das consecuencias da pandemia e da perda de emprego. Do mesmo xeito que Caballero, tamén se referiu aos falecidos pola covid−19 e aos seus familiares. 

Dixo Pontón que o BNG traballará para todos os galegos, "votasen o que votasen", "especialmente para os colectivos máis afectados pola crise". Cualificou o discurso de Feijóo do pasado martes de "decepcionante" e "preocupante". 

No tocante ás propostas, falou da "creación dunha comisión de investigación nas residencias de maiores" e estableceu tres prioridades por parte do seu partido. Esas prioridades céntranse, segundo Pontón, no social, na reactivación económica e na "defensa dos intereses de Galicia ante os intereses do Estado".

Agradeceu a labor dos sanitarios e falou dun acordo no Congreso, a través "dunha proposta do BNG, para eliminar as taxas de reposición". Tamén falou Pontón de fortalecer a atención primaria con "máis recursos e medios para afrontar unha segunda vaga".

No ámbito do ensino, falou dunha "volta segura" ás aulas, con "máis profesorado" e a "distribución de máscaras gratuítas no ámbito escolar". Xa no tocante á reactivación económica, propuxo cambiar o modelo enerxético e establecer "unha tarifa enerxética galega" ou un plan de "enerxías limpas".

Pedro Puy, PPdeG

A de Puy foi a derradeira intervención dos voceiros parlamentarios. Referiuse tamén aos falecidos pola pandemia e ás súas familias. 

Dixo Puy que "non se trata de reproducir discursos de campaña", senón dar respostas, "porque a cidadanía estanos observando e non nos vai avaliar pola nosa capacidade dialéctica senón por como afrontamos crise". 

Di Puy que xa antes da crise "afrontabamos problemas", como os vencellados á industria electrointensiva con Alcoa, a "industria instalada na costa", as centrais eléctricas ou "os estaleiros de Ferrol. Entre outras problemáticas precedentes á crise, Puy sinalou o reto climático, demográfico, a cohesiión social ou a educación. E dixo que Galicia afronta os problemas "con optimismo". O virus golpeou "sen exlcusións", di Puy.

Feijóo, coa man tendida ao pacto, pide á oposición "axuda" e sacar a sanidade do debate político

O candidato do PPdeG para ser investido presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, respondeu á oposición mostrándose aberto ao pacto, sobre todo no ámbito da reactivación económica.

Pediulle tamén "axuda" fronte a unha situación, a da pandemia do coronavirus, "nunca" vivida en España nin en "ningunha das partes que a compoñen", incluída "esta nacionalidade que se chama Galicia".

Neste escenario, á marxe de activar unha comisión parlamentaria para tratar de buscar un pacto para a reactivación económica de Galicia, o dirixente popular considerou fundamental "sacar" a sanidade do debate político, e tratar de buscar o "consenso" tamén nas políticas que incumben a este ámbito.

Á marxe das chamadas ao pacto, Feijóo admitiu que terá que haber disensos entre as distintas forzas e subliñou o papel que terá o PPdeG, que ampliou a súa maioría absoluta na cita coas urnas do pasado 12 de xullo.

Noticias web

03/09/2020