CRTVG

Buscar

Retoman a busca dos dous traballadores desaparecidos na derruba de Biscaia

Publicado o 07/02/2020 14:12

A busca dos dous traballadores dun vertedoiro desaparecidos nun corremento de terras en Biscaia retomouse este mediodía despois de suspenderse temporalmente ao detectárense residuos de amianto, material canceríxeno moi perigoso.

Os traballos para despexar a autoestrada que une Bilbao con San Sebastián, sobre a que caeu máis de medio millón de metros cúbicos de terra e residuos industrias, permitiron habilitar un carril en cada sentido. A busca dos dous traballadores do vertedoiro de Zaldibar que, supostamente, quedaron sepultados polo corremento de terras retomouse este mediodía despois de quedar paralizada durante a mañá ao atopar os equipos de desentullo un depósito de amianto.

Este material canceríxeno, utilizado anos atrás para elaborar elementos de construción, forma parte do medio millón de metros cúbicos de terra, pedras e residuos industriais arrastrados polo derrubamento.

Os traballos de desentullo retomáronse despois de que unha empresa especializada se fixese cargo das operacións.

O que si avanzou durante a noite foi a limpeza da AP-8, unha das principais arterias da rede viaria vasca, que quedou sepultada pola derruba.

Os dous carrís en dirección a Bilbao foron liberados e habilitados para que se poida circular nos dous sentidos.

Máis difícil se presenta a limpeza dos dous carrís con dirección San Sebastián, xa que a terra acumulada sobre a calzada soporta a caída da parte superior sobre a que se asentaba o vertedoiro.

Noticias web

07/02/2020