CRTVG

Buscar

Atopan o coche do home desaparecido en Viveiro

Publicado o 27/12/2019 20:22

Un guindastre rescatou esta tarde do porto de Viveiro o coche de Alejandro Meitín. O home está desaparecido dende o pasado día 15. No interior do vehículo non se localizou corpo ningún.

A aparición do Ford Fiesta gris de Alejandro Meitín pon sobre a mesa máis preguntas ca respostas.
A primeira incógnita aparece cando non se atopa o corpo do dono. Se el non estaba dentro, onde está Alejandro? Os mergulladores da policía vano seguir buscando estes días.

"A min estráñame que se tirara co coche, ao non estar el no coche... A ventana segundo estaba aberta el non podía saír. Igual botaron o coche aí. Ou igual o botou el e puido fuxir. Quen sabe o que puido pasar".

O segundo elemento estraño é que o coche aparecera no porto. É un lugar perfectamente visible e moi transitado, pero ninguén viu alí o vehículo en dúas semanas. Os investigadores non descartan que o coche caese á auga noutro lugar e que a corrente o arrastrase ata aquí.

"Eu penso que o coche aí non estaba. Porque aquí os barcos móvense e van os mariñeiros ao mar. Un coche aí dúas semanas ben se vería, digo eu".

E máis cousas raras. O coche estaba baixo a auga co freo de man posto, co interruptor das luces aceso e coas xanelas medio baixadas. A falta de respostas, a policía mantén abertas tódalas hipóteses.

Alejandro Meitín, de 34 años, desapareceu o pasado día 15 despois dunha cea con compañeiros de traballo. Mide 1,83, é de complexión forte, moreno, con ollos castaños e pendentes nas orellas. A última vez que o viron levaba vaqueiros, unha camisa a cadros e un anorak.

 

Noticias web

27/12/2019