CRTVG

Buscar

Retencións quilométricas nos controis a ambos os lados da fronteira con Portugal

Publicado o 17/03/2020 14:23

Son imaxes desta mañá no paso fronteirizo de Tui, o único aberto na provincia de Pontevedra para cruzar a Portugal. Retencións quilométricas, tráfico lento e sobre todo moita paciencia ata chegar aos controis que tanto axentes da Policía Nacional como da GNR están facendo á entrada e saída de ambos os países.

E aguantar é o que lles toca aos condutores que teñen que atravesar a fronteira. Sobre todo aos transportes de mercadorías para poder abastecer as tendas de alimentación e os supermercados. Este condutor, con peixe fresco.

E despois das retencións, toca pasar o control onde nos van requirir o documento nacional de identidade e os contratos de traballo para certificar os motivos da nosa entrada ao país luso ou español. Unha situación excepcional que os condutores entenden con resignación.

Porque as esperas lévanse de distinta maneira. Os que deben abastecer os nosos mercados teñen máis présa que outros.

E mentres uns agardan para pasar os controis, noutros puntos fronteirizos da provincia de Pontevedra reina o silencio porque están, literalmente, pechados a vehículos e persoas. Un exemplo é este de Tui ou o de Salvaterra. Só dende a distancia un é consciente da magnitude dunhas medidas que nos deixan imaxes coma esta. Pontes que a día de hoxe se deben baleirar para dividir a poboación por seguridade.

Noticias web

17/03/2020