CRTVG

Buscar

Residentes nun edificio de Noia denuncian defectos na obra

Publicado o 22/08/2019 13:53

Os residentes dun edificio de Noia considérano unha ruína. O inmoble ten once anos pero din que desde o primeiro momento lles está dando problemas e gastos pola mala execución da obra. José María Suárez, veciño: "Os problemas son sempre os mesmos: humidade, fendas e auga no garaxe. Agora sucedeu o das lousas da fachada que é o máis importante, aínda que vaia, eu tiven que amañar tres veces un cuarto pola humidade que tiña dentro."

A obra da fachada acometérona os propios veciños despois de que no mes de febreiro se desprendera parte do revestimento. Cadra pedra pesa uns 70 quilos. Son 50 vivendas e cada propietario tivo que achegar máis de mil euros. José Manuel Fernández, veciño: "O primeiro desprendemento foi na fachada sur pero un perito que contratamos dixo que toda a fachada estaba mal. Isto é grave. O edificio é de 2008, non é tan vello como para ter estes defectos." 

José María Suárez, veciño: "Son vivendas de protección autonómica. Houbo unhas neglixencias moi grandes por parte de varios organismos por non vixiar a obra e dar os permisos de habitabilidade sen estar a obra como é debido."

Quéixanse de que tiveron que ir ao xulgado para que o promotor reparara as fendas e humidades. Agora están dispostos a volver á vía xudicial para que se faga cargo tamén dos danos na fachada.
 

Noticias web

22/08/2019