CRTVG

Buscar

Rescatan un septuaxenario en bo estado tras 12 horas perdido na neve en Cervantes

Publicado o 07/01/2021 14:29

A noite de Reis deste ano foi inédita para un veciño de Corneantes, no concello lugués de Cervantes, de 75 anos de idade.

Viviu máis de doce horas perdido e condicionado pola nevarada. A neve impediulle chegar desde Navia de Suarna á súa casa en coche, polo que decidiu completar o camiño a pé. Todo o terreo branco desorientouno e ao cabo de seis horas andando, ás dúas da mañá, botou man do teléfono para pedir axuda. Non foi capaz de enviar a súa localización. Saíron buscalo gardas civís, veciños e efectivos de urxencias.

Miguel Ángel González Folgueira, membro do GES de Becerreá que participou no rescate, di: "A neve complicounos a busca, pero tamén nola facilitou, porque as súas pegadas permanecían na neve e ao amencer atopamos un rastro bo cunhas pisadas por onde ninguén ía pasar cara a un lugar de Coruxedo. Aía xa non había case neve e iso dificultounos os labores. Estaban alí uns gardas civís do Seprona e seguimos un camiño cara a Moia, onde había un veciño que tamén se avisou por se o vira, e foi a sorte de atopalo".

"Por onde pasou el había moita neve. Cincuenta centímetros polo menos. Daquela, de noite e a oito graos baixo cero a situación era complicada".

A neve fixo que se perdese e o feito de que remitise a nevarada deixou as pegadas do seu itinerario á vista para que o seguisen os rescatistas.

Onte ao mediodía deron con el, canso, pero ben, despois de deambular uns vinte quilómetros. O camiñar favoreceu a súa supervivencia en temperaturas de ata oito baixo cero.

Noticias web

07/01/2021