CRTVG

Buscar

Detectan 514 novos contaxios en Galicia, o segundo peor dato en toda a pandemia

Publicado o 23/10/2020 12:37

• É a cifra máis elevada do que vai desta onda e a segunda de toda a pandemia, tras os 516 detectados o 29 de marzo

• Aumentan os casos activos en todas as áreas, agás na de Ourense

• Ferrol e Lalín entran en alerta vermella, da que sae O Porriño

Os positivos por covid-19 detectados en Galicia por PCR nas últimas 24 horas reputan a 514, o que supón a cifra máis elevada do que vai de segunda onda e a segunda de toda a pandemia, tras os 516 detectados o 29 de marzo.

Dispáranse os contaxios

Do total, 131 corresponden á área sanitaria de Santiago e A Barbanza. Así se reflicte nas cifras actualizadas na mañá deste venres na web da Consellería de Sanidade con datos solicitados ata as 18:00 horas deste xoves, en que se constata que, despois da de Santiago, a área con máis positivos foi a da Coruña e Cee, con 92; seguida de Vigo e Ourense con 64 en cada caso; Pontevedra e O Salnés, con 59; Ferrol, 58, e Lugo, 46.

Os casos soben, pero menos ca onte

Os casos activos tamén experimentaron un incremento de 205 na comunidade galega, que se sitúa con 5.880. É unha suba de trece casos menos ca a de onte.

Por que acontece isto? Porque no balance de casos activos téñense en conta o número de altas, que se resta aos contaxios, e a cifra de falecementos. Nesta xornada récord de contaxios tamén se notificou un elevado número de altas (+318), por iso os casos activos non se disparan tanto.

Con respecto aos datos da xornada pasada, este venres todas as áreas rexistran aumentos, salvo a de Ourense, que baixa outros 40 ata os 1.449.

Por contra, soben en 92 na área de Santiago e Barbanza, que se coloca con 983; a da Coruña rexistra 53 máis ata os 964; a de Ferrol suma outros 46 e ten 329; a de Pontevedra aumenta a 595, o que supón 31 máis; a de Lugo sobe en 13 ata os 555 e a de Vigo suma dez máis ata os 1.005.

Segue incrementándose a presión hospitalaria

As persoas con covid-19 ingresadas en hospitais continúan en aumento e ascenden a 373, o que supón nove máis que este xoves, delas 48 en UCI (unha máis que hai 24 horas) e 325 noutras unidades de hospitalización (oito máis).

A porcentaxe de ocupación de camas na nosa comunidade, con todo, é a menor do estado.

Nove falecementos nas últimas horas

En canto aos falecidos, en Galicia morreron 856 persoas con covid-19, tras notificar Sanidade nove vítimas na tarde deste xoves, tres delas relacionados con residencias de anciáns.

En concreto, os últimos falecidos foron un home de 95 anos e outro de 71 que se atopaban ingresados no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, así como unha muller de 60 anos falecida no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

No Hospital de Ourense producíronse cinco mortes notificadas este xoves: a de catro homes de 92, 81, 80 e 76 anos e a dunha muller de 87, mentres que na Clínica Santa Teresa de Ourense faleceu un home de 92 anos.

Tanto esta última vítima como unha das do CHUO procedían da residencia Os Gozos, do Pereiro de Aguiar, mentres que outro dos falecidos no Hospital de Ourense estaba vinculado á Virxen Branca de Ourense.

Ata hoxe curaron en Galicia 24.573 persoas, o que implica 318 máis que as rexistradas este xoves.

Realizáronse 616.297 PCR, fronte ás 609.516 da xornada anterior, o que son 6.781, a cifra máis alta nos últimos seis días. Deste xeito, semella que se retoma o ritmo de PCR diarias freado nas últimas semanas.

Xa son 25 concellos en alerta vermella

O número de municipios galegos no nivel máximo de alerta, o 3, pola incidencia do coronavirus na última semana elevouse este venres a 25, un máis que este xoves, tras entrar nesta situación Ferrol e Lalín, á vez que sae O Porriño, que pasa ao laranxa.

Ademais, segundo consta no mapa 'semáforo' actualizado diariamente pola Consellería de Sanidade, continúan no nivel tres pola pandemia os concellos de Ourense, O Barco, O Carballiño, Verín, Narón, Oleiros, Arteixo, A Laracha, Ordes, Mesía, Santiago, Ames, Teo, A Estrada, Vilagarcía, Pontevedra, Poio, Cangas, Nigrán, Tui, Salvaterra, Monforte e Lugo.