CRTVG

Buscar

Aumentan os contaxios no Reino Unido e nos EUA, mentres que se desaceleran en Italia

Publicado o 31/03/2020 20:42

As autoridades británicas elevaron por riba de 1.800 a cifra provisional de persoas falecidas polo brote de coronavirus, despois de confirmar nas últimas 24 horas polo menos 393 mortes máis, unha cifra sen precedentes desde que comezaron a solicitarse os datos. O Goberno rexistrou máis de 25.000 casos no Reino Unido, que cumpre a súa primeira semana de confinamento tras as reticencias iniciais do primeiro ministro, Boris Johnson, a este tipo de medidas. Johnson figura entre os contaxiados, do mesmo xeito que o ministro de Sanidade, Matt Hancock.

Johnson, que continúa exercendo as funcións propias do cargo a pesar de estar illado en Downing Street, advertiu este martes nunha reunión co seu gabinete que "a situación empeorará antes de mellorar". "Pero mellorará", apostilou, segundo un portavoz da súa oficina. Downing Street insistiu en que o aumento dos datos de contaxios e falecidos demostra a "importancia vital" de que a cidadanía siga respectando as directrices aplicadas polo Goberno, segundo informa a BBC. O Executivo tamén saíu ao paso das críticas dos sindicatos médicos, que denuncian unha falta de medios nos hospitais do Reino Unido, alegando que nas últimas dúas semanas se repartiron 170 millóns de equipos de protección. "Non hai nada que suxira que non temos bastante", sinalou un portavoz.

Aumentan os casos nos Estados Unidos, actualmente o país con máis infectados

Tamén se incrementan os casos nos Estados Unidos, onde xa hai máis de 172.000 en total, co cal superou as cifras da China, onde se orixinou o virus. O estado de Nova York, epicentro da pandemia no país, xa suma 75.795 casos de COVID-19, 9.298 máis que onte, e 1.550 falecidos, 332 máis que onte.

Mentres, as autoridades reforzan e tentan unificar o seu sistema sanitario á espera do pico de contaxios, que segundo diferentes estimacións pode chegar nun rango de 7 a 21 días, informou o gobernador Andrew Cuomo. 

"Estamos a buscar todos a cima, e aínda estamos alén da montaña. Seguimos subindo e o número de persoas que fixeron a proba onte á noite foi case récord (...) O total de persoas testadas son unhas 200.000 para unha poboación de 19 millóns. Está a axudarnos a atopar os casos positivos", dixo Cuomo na súa actualización diaria dos datos. 

Cuomo tamén deixou ver que case 11.000 persoas están hospitalizadas, unhas 1.400 máis que onte, das cales unhas 2.700 son pacientes de coidados intensivos (UCI), case 360 máis que onte. Namentres, deuse de alta a case 5.000 persoas en total, unhas 770 máis. 

A cidade de Nova York está a recibir xa reforzos para uns hospitais que empezan a desbordarse, co buque hospital US Comfort das Forzas Armadas, cun milleiro de camas para pacientes que non teñen o virus, ou o hospital de campaña establecido no centro de convencións Javits, que reúne tres milleiros.

Desaceleración en Italia

Italia sumou este martes máis de 800 mortos e outros 2.100 contaxiados polo novo coronavirus, aínda que as autoridades coinciden en sinalar que a curva de casos está a retardarse e parece estancarse, pese a seren xa máis de 105.000 os contaxios contabilizados. Segundo informou o xefe de Protección Civil, nas últimas 24 horas houbo 812 mortos; ese número eleva o total a 12.428 falecidos, mentres que se sumaron outros 2.107 casos, ata un total de 105.792. Ademais, outros 1.109 pacientes superaron a enfermidade no último día. Daquela, o total ascende xa a 15.729.

Pola súa banda, o presidente do Instituto Superior de Saúde (ISS), Silvio Brusaferro, sostivo previamente que as medidas adoptadas polo Goberno "están a funcionar" e "a curva dos novos diagnósticos positivos aos tests móstrannos que estamos a chegar a unha meseta". "Agora, o que debe empezar é o descenso", engadiu, incidindo en que non se deben adoptar medidas que fagan subir de novo a curva. En conferencia de prensa, defendeu a importancia de que nas zonas onde existe unha "circulación baixa" do virus esta se manteña como está, e iso é ao que se aspira coas normas adoptadas ata o de agora. Así mesmo, confirmou que na Lombardía "os datos poñen de manifesto un descenso" nos novos contaxios.

Italia permite aos nenos dar un paseo acompañados por un proxenitor

O Ministerio do Interior de Italia precisou hoxe que os nenos poden saír a dar un paseo acompañados por un só proxenitor nas proximidades das súas casas, despois dos pedimentos para que os menores puidesen saír a pesar das medidas de illamento por culpa da pandemia do coronavirus. 

Nun comunicado, Interior puntualizou que respecto ao permiso de saír a pasear ou correr preto de casa tamén poderán facelo os menores mentres estean acompañados por un proxenitor e nas proximidades de casa.

Desde hai tres semanas, Italia decretou o illamento da súa poboación por culpa da pandemia, que causou 12.428 mortos e 105.792 infectados, e só se permite saír da casa para comprar bens de primeira necesidade ou por motivos de saúde ou traballo. 

Permitíase que as persoas puidesen dar un paseo na proximidade das súas casas, pero soas, o cal excluía poder saír cos fillos. Por iso, desde hai varios días, asociacións de psicólogos, educadores e pais de Italia pedían ao Goberno que teña en conta tamén os nenos, obrigados desde hai tres semanas (máis un mes no norte do país) a estar encerrados na casa para evitar o contaxio de coronavirus, e que lles permitan saír polo menos unha hora ao aire libre.

A revista "Un pediatra como amigo" (UPPA) lanzara un chamamento e unha recollida de sinaturas para pedir ao Goberno que se teñan en conta "as necesidades dos nenos e que a situación de illamento prolongado en que viven implica riscos que provocan, e nalgúns casos xa está a causar, problemas que comprometen a saúde e o benestar dos máis novos".

Expertos, psicólogos, pais, artistas e educadores de Lombardía tamén escribiron ao presidente da rexión unha carta en que instan as autoridades a que tamén os nenos poidan saír unha hora das súas casas. "Os nenos e os mozos vense obrigados a permanecer encerrados entre as paredes das súas casas as 24 horas do día, a miúdo en apartamentos moi pequenos, a miúdo compartidos con moitos membros da familia, e isto, como xa sinalaron os pediatras e psicólogos, a longo prazo pode facer moito dano á súa saúde física e mental", escribiron. 

A epidemia avanza en Europa

Alemaña acadou os 62.000 contaxios e 583 falecidos. En Francia hai 44.500 persoas infectadas e morreron con coronavirus máis de 3.000 persoas. Pero a situación é desigual. As rexións do sur e do oeste reciben cada día doentes da Francia oriental, limítrofe con Alemaña, a máis afectada con diferenza e co sistema sanitario colapsado. E Bélxica, coa metade de positivos e 700 falecidos, amenceu conmocionada pola morte dunha nena de só 12 anos, a vítima máis nova desta pandemia en Europa.

A epidemia avanza tamén en Holanda. Con 12.000 afectados e case 900 mortos o Goberno busca camas de UCI nos países limítrofes. O seu ministro de Finanzas, sen chegar a desculparse, recoñece a falta de empatía que mostrou cos países máis afectados do sur de Europa cando pediron axuda.

Agás Brasil, Chile e Ecuador, os casos de coronavirus non superan o milleiro na maioría dos países de America Latin. A situación é máis grave no norte, en México e sobre todo nos Estados Unidos, que acumulan xa o 20 % dos contaxios de todo o mundo.

Noticias web

31/03/2020