CRTVG

Buscar

Repuntan os casos activos en Galicia (+90), pero mantense baixa a presión hospitalaria

Publicado o 24/12/2020 10:13

• Aumentan nas áreas de Santiago (+51), Vigo (+49), Ourense (+16) e Lugo (+14)

• Soben as persoas ingresadas en UCI (+3), baixan en planta (-7)

Repuntan os casos activos en Galicia (+90), pero mantense baixa a presión hospitalaria

Galicia chega ao Nadal cunha pequena repunta dos casos activos. Hai no país 5.655 persoas contaxiadas da covid-19, 90 máis ca onte. O aumento dos novos contaxios desta xornada (+451, 394 confirmados por PCR) están en niveis de finais de novembro.

Por áreas sanitarias, a repartición quedaría:

• Santiago: 1.321 (+51)

• Vigo: 1.265 (+49)

• Pontevedra: 904 (-7)

• A Coruña: 8878 (-2)

• Ourense: 522 (+16)

• Ferrol: 385 (-31)

• Lugo: 370 (+14)

Lixeira suba das persoas en UCI

Segundo os últimos datos notificados polo Sergas, a cifra de persoas hospitalizadas en Galicia é de 337: 286 en planta (-7) e 51 nas UCI (+3). Non había cifras así de ingresos en planta dende o 20 de outubro, e no que respecta ás UCI, a cifra amntense estable arredor do 50 %.

Estas cifras sitúan a Galicia como a primeira comunidade autónoma (despois da cidade autónoma de Ceuta) con menor ocupación de camas UCI por pacientes con covid-19, segundo os datos do Ministerio de Sanidade.

A vítimas da covid-19 en Galicia tamén aumentan, logo dos catro falcementos notificados onte polo Sergas, que elevan a cifra 1.354 persoas.

Récord de probas PCR

O número de probas PCR notificado polo Sergas alcanza as 10.613 probas, 1.237 máis ca onte. É a maior cifra realizada en Galicia ata a data, o que pode deberse aos cribados masivos e as PCR de estudantes que decidiron facela antes de regresar ao fogar familiar.

 

Do total, deron positivo 394, case 100 máis respecto ás de onte. Un número alto comparado coas cifras do último mes, mais que relativizado ao número de probas PCR responde en realidade a unha taxa de positividade baixa: 3,71 %. As áreas sanitarias con máis positivos por PCR son a de Vigo e a de Santiago.

 

Se observamos a evolución da positividade media nos últimos sete días, esta sitúase lixeiramente por debaixo do 4 % (3,99 %), isto é, un punto por debaixo do limiar máximo recomendado pola OMS para dar por controlada a pandemia.

Mapa de incidencias por concellos