CRTVG

Buscar

Falecen sete persoas en Galicia e repuntan os novos positivos na segunda peor cifra da pandemia

Publicado o 28/10/2020 10:39

• O número total de casos activos ascende a 7.535 (+461)

• Descenden as hospitalizacións, pero aumenta a presión nas UCI 

• A comarca de Santiago, á cabeza en incidencia acumulada

• Vigo lidera as subas de casos activos, que só descenden en Ourense 

 

Sanidade notifica este mércores a morte de sete persoas pola covid−19. A cifra total de falecidos ascende a 889 dende o inicio da pandemia. Entre eles, un home de 104 anos que estaba ingresado no HULA, unha muller de 92 anos que estaba ingresada no CHUS e dous homes de 86 e 78 anos que tamén estaban ingresados no Hospital Clínico Universitario de Santiago. 

Por outra banda, na residencia Os Gozos do Pereiro de Aguiar rexistráronse os falecementos de dúas mulleres de 97 e 98 anos e dun home de 101 anos. Todos eles presentaban patoloxías previas.

Galicia contabiliza 682 contaxios de coronavirus en 24 horas, a segunda peor cifra da pandemia, o que leva o número total de casos activos a 7.535, 461 máis ca o día anterior.

Dos 682 novos casos, 172 son na área sanitaria de Vigo (que está á cabeza co maior número de casos activos tamén) e 100 na da Coruña e Cee. Por áreas sanitarias, en Ourense rexistráronse nas últimas 24 horas 89 positivos confirmados por PCR; en Santiago e na Barbanza, 86; outros 83 en Pontevedra e O Salnés; 80 en Ferrol, e 72 en Lugo.

Así o reflicten os datos actualizados este mércores á mañá na páxina web da Consellería de Sanidade, con cifras ata as 18:00 horas deste martes, en que se comproba que esta segunda onda rexistra as cifras máis altas de infeccións da pandemia en Galicia en termos de positivos confirmados por PCR en 24 horas.

Canto aos casos activos, a área sanitaria de Vigo sitúase á cabeza, con 1.502, tras sumar 144 máis en comparación con este martes; séguea a de Ourense, con 1.414 (nove menos), a única en que descenden en Galicia.

Mentres, a área da Coruña sitúase con 1.285 casos activos (84 máis); a de Santiago e Barbanza ten 1.186 (58 máis); a de Pontevedra e O Salnés, 785 (58 máis); Lugo, 743 (52 máis), e a de Ferrol, 620 (74 máis).

Pequeno descenso das hospitalizacións

O número de persoas ingresadas en hospitais en Galicia experimentou unha leve caída tras varios días en ascenso e sitúase en 452, aínda que continúa crecendo o de pacientes en UCI, que chega xa a 62 (catro máis ca onte). Con todo, hai oito pacientes menos en unidades de hospitalización convencionais, 392 en total. 

O aumento da presión hospitalaria, de feito, obrigou a área de Pontevedra e O Salnés a suspenderen as operacións non urxentes.

Ata a data, na comunidade galega curaron 26.034 persoas, o cal supón 230 máis que as rexistradas este martes. Leváronse a cabo 654.482 PCR fronte ás 646.233 rexistradas o día pasado, isto é, 8.249 probas máis ca onte.

En concreto, este martes detectáronse 525 positivos confirmados por PCR; despois de 687 o sábado 24 de outubro, 603 o pasado luns e 597 o domingo 25. No primeiro, o volume máis alto corresponde ao 29 de marzo, con 516.

As autoridades sanitarias notificaran este martes a morte de dous homes con covid−19. Os falecidos son un home de 87 anos ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e outro de 77 no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), que procedía da residencia Os Gozos do Pereiro de Aguiar.

Mapa de niveis de alerta por concello

O número de concellos galegos no nivel máximo de alerta aumentou este mércores a 39, dous máis ca o día anterior. En concreto, o concello coruñés de Pontedeume e as localidades pontevedresas de Ribadumia, Gondomar, Salceda de Caselas e Ponteareas únense a este nivel 3.