CRTVG

Buscar

Desembarcan para a súa repatriación 3 polisóns tras 11 días retidos en Vigo

Publicado o 19/02/2020 08:55

A Policía Nacional desembarcou este mércores os tres polisóns descubertos abordo do petroleiro Harald Maersk, con bandeira danesa, o cal estivo once días atracado e retido no porto de Vigo, previo paso á súa repatriación ao seu país de orixe, Guinea Conakri.

Tras obter onte martes o permiso da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, o desembarco dos polisóns produciuse con case tres horas de atraso, pendente de obter garantías da embaixada de Guinea Conakri, pedidas pola empresa armadora, de que serían aceptados no seu país de procedencia.

Os tres polisóns, moi novos, foron trasladados ao aeroporto de Vigo-Peinador para voar directamente ao seu país nun voo fretado pola navieira, responsable da súa repatriación, segundo a lei internacional.

Os polisóns foron baixados do petroleiro entre berros, coas mans atadas e á forza por axentes cubertos con máscaras.

Os tres permaneceron retidos no barco desde que o capitán, tras ser descubertos pola tripulación, pediu permiso o pasado día 7 ao porto de Vigo para atracar.

Cinco días despois, as forzas da orde abortaron a fuga dun deles, que conseguiu saír do petroleiro e botou a correr polo pantalán ata que foi interceptado e devolto ao barco.

Fronte ao peirao de transatlánticos do Porto de Vigo congregouse unha ducia de persoas que asistiron ao dramático desembarco. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/02/2020