CRTVG

Buscar

Renato Tapia: "A nosa ambición é podermos chegar ás competicións europeas"

Publicado o 22/09/2020 21:03

Renato Tapia ofreceu na súa estrea oficial en Balaídos unha mostra das súas capacidades. Os goles de Iago eclipsaron en parte o gran partido do peruano na sala de máquinas. Pelexou, cortou e moveu.

"O feito de estar nun lugar onde te sentes querido e onde sentes que podes facer as cousas ben coido que é moi, moi importante, polo menos para min", di o centrocampista.

Dende a súa chegada Óscar apostou por el. Deulle galóns na pretemporada e tamén nos dous primeiros partidos.

"Renato foi un acerto da dirección deportiva do club, é un xogador dun perfil que non tiñamos no equipo", sinalou o adestrador. Mentres, Tapia revelou: "Tiven que me profesionalizar un pouquiño máis, saber que isto me ía custar o dobre ou o triplo e que tiña que me pór ben para poder aguantar todo o partido ou o que me toque xogar".

A súa entrega precisamente pasoulle factura no encontro co Valencia. Deixouno todo no campo e non puido completar o partido. Ao peruano gústalle liderar co exemplo: "Gústame ser líder, o liderado creo que é unha das miñas grandes virtudes. Tentar axudar ao compañeiro, iso é o que sempre me caracterizou".

E ese liderado non está exento de ambición, malia os precedentes, Renato atrévese a poñer obxectivos altos para este equipo: "Temos un equipo moi, moi ambicioso que ten ganas de medrar, de poder estar entre os 6 ou 7 primeiros e poder chegar a competicións europeas".

Noticias web

22/09/2020