CRTVG

Buscar

Remata con chuvia e frío un San Froilán que non tivo que ver coa gran festa de Lugo

Publicado o 12/10/2020 21:58

Lugo celebrou os últimos actos das festas do San Froilán. Uns festexos que se viron moi condicionados pola pandemia e que non puideron desenvolverse coa normalidade que querían os veciños.

Nin sequera o tempo acompañou neste derradeiro día das festas do San Froilán de 2020. Frío e chuvia para despedir uns festexos que pasarán a historia como os máis atípicos que se lembran na cidade das murallas. Tan só pequenos concertos con acceso restrinxido e pasarrúas de charangas e bandas de gaitas fixeron lembrar que a cidade estaba nas súas festas patronais.

Foi o colofón a unhas festas do San Froilán que viñeron marcadas pola pandemia do coronavirus, mesmo con novos gromos de contaxio na cidade nesta semana de celebracións. Os veciños e visitantes asistiron resignados a un San Froilán en que faltaron as características casetas do polbo, as barracas e atraccións, os fogos artificiais ou os grandes concertos. A situación, aseguran, non foi agradable, pero tiña que ser así para evitar males maiores.

O sector hostaleiro e o comercio cualifican como moi importantes as perdas derivadas de non poderse celebrar con normalidade o San Froilán. Agora só queda confiar en que a situación mellore de cara ás patronais do ano que vén e mesmo para o Arde Lucus en xuño de 2021.

 

 

Noticias web

12/10/2020