CRTVG

Buscar

Remata a operación Komodos-Argolla, con tres detidos e 30 roubos por toda Galicia

Publicado o 07/11/2019 22:57

Saltaban valos, entraban ás agachadas, acariñaban os cans das vivendas que asaltaban e levaban a cara cuberta con máscaras de Dalí. Así actuaba o perigoso grupo albanés que a Garda Civil detivo este luns en Pontevedra.

Os detidos roubaron ata en 30 casas diferentes de toda a xeografía galega. Xoias e cartos eran o seu obxectivo. Collían o botín e marchaban ao seu país de orixe. Tras meses de investigación os axentes recuperaron gran parte do subtraído. Os arrestados, dous homes de 19 e 29 anos e unha muller de 23, están xa en prisión provisional.

A Garda Civil dá por finalizada a operación Komodos-Argolla, en que foron detidas tres persoas de nacionalidade albanokosovar como presuntos autores de 30 roubos en vivendas espalladas por toda a comunidade. Os tres detidos, dous homes e unha muller de nacionalidade albanokosovar están en prisión, segundo acordou o Xulgado de Instrución número 7 da Coruña.

Os dous homes foron detidos pola Garda Civil a plena luz do día no centro de Pontevedra, onde tiñan a súa residencia, e a muller foi interceptada no aeroporto da Lavacolla cando pretendía coller un voo de regreso ao seu país.

Vixiaban as vivendas, e cando sabían que non había ninguén dentro, accedían ao seu interior mediante o pinzamento das ventás. Eliminaban os sistemas de seguridade para así campar ás súas anchas e levar todas as xoias e cartos en efectivo que atopaban.

Este era o modus operandi desta banda de albanokosovares que chegaron a cometer 30 roubos en concellos das catro provincias galegas.

A súa base estaba na cidade de Pontevedra desde onde se desprazaban a toda a comunidade utilizando diferentes coches. Nos rexistros efectuados pola Garda Civil atopáronse máscaras e roupa que os ladróns empregaban nos roubos, así como numerosas xoias que xa foron devoltas aos seus propietarios.

O Xulgado de Instrución número 7 da Coruña, que leva o caso, acordou o ingreso en prisión dos tres detidos, dous homes de 19 e 29 anos e unha muller de 23.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/11/2019