CRTVG

Buscar

Regulan, por primeira vez, a produción de resina en Galicia

Publicado o 05/11/2020 15:06

Recoller cogomelos no monte é unha actividade suxeita a normas legais. Igual que o resto dos aproveitamentos forestais, a micoloxía está recollida nun decreto da Consellería de Medio Rural que, por primeira vez, regula a produción de resina, un sector en alza.

"Está en franco crecemento. Vai ser unha produción non complementaria, senón se cadra mesmo principal polo rendemento que dá e sobre todo porque dá un rendemento continuo, ano a ano", explica Odón López López, xefe de Servizo da Propiedade Forestal da Xunta.

A Comunidade de Montes de Baroña, en Porto do Son, é a primeira produtora de resina de Galicia.

"É un complemento moi importante das masas forestais. Mentres a madeira vai medrando, vanse sacando aproveitamentos como a resina, micolóxicos ou a gandería", afirma Ovidio Queiruga, presidente da Comunidade de Montes de Baroña

A recollida de cogomelos, agora en tempada, tamén está regulada no decreto da Xunta.

"Non se pode recoller cunha bolsa de plástico, ten que ser cunha cesta ou un recipiente permeable que vaia soltando as esporas. Que non se poden arrincar, que hai que cortalos. Son normas que case son de sentido común para que o cogomelos sigan medrando nos sitios onde os apañamos", di Odón López.

O decreto introduce ademais, por primeira vez, a declaración responsable, que pretende axilizar os expedientes de aproveitamento forestal.

Noticias web

05/11/2020