CRTVG

Buscar

Regresan a unha explotación de Triacastela dúas xovencas despois de dez días perdidas

Publicado o 15/01/2020 14:40

Dúas xovencas de raza asturiana, unha delas preñada, estiveron dez días desaparecidas da súa explotación de Santa María do Monte, en Triacastela. Os dous animais faltaron do rabaño cando regresaban do prado para a corte e os gandeiros déronse conta da súa ausencia cando xa era tarde. Ninguén sabe onde puideron estar estes días porque os veciños percorreron o monte a conciencia para dar con elas, pero non atoparon ningún rastro. Finalmente regresaron elas soas e en perfecto estado, se ben traían bastante fame.

"Supoñemos que desapareceron ao cambialas de prado porque perderon a pista da vaca que fai de guía e non as vimos máis. E apareceron elas soas aquí diante da corte".

Os dous animais teñen un valor de algo máis de tres mil euros. Os seus propietarios xa perderan a esperanza de recuperalas e creron que ou ben as comeran os lobos, ou ben foran roubadas ou que caeran nalgún lugar inaccesible. Ademais de buscar polo monte, tamén deran avisos nas redes sociais e, sobre todo, rezaran un responso a san Antón Abade, que xa resultara efectivo en casos similares, se ben en desaparicións de menor duración.

"Algo diso se rezou e debeu funcionar porque as vacas apareceron. Si, foi moi raro porque non había rastro delas ao buscar. Os veciños axudaron e o Concello compartiu nas redes sociais".

Estes días pasados no monte, ou onde queira que estiveran, non afectaron as vacas. especialmente a que está preñada, que non semella que vaia ter dificultades co parto. O que nunca se vai saber é onde estiveron os animais estes dez días de frío e chuvia.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/01/2020