CRTVG

Buscar

Refórzase o control para restrinxir a mobilidade

Publicado o 07/10/2020 21:13

Na rúa, horas antes de que se pechen Ourense e Barbadás, atopamos impresións de todo tipo, pero en xeral resignación e aceptación das novas limitacións que, agardan, sirvan para frear os contaxios.

Ademais das restricións na mobilidade, nestes dous concellos veciños aplicaranse as medidas de nivel 3, polo que está prohibido que bares e cafeterías poidan servir no interior, e fóra, ao estaren prohibidas as xuntanzas entre persoas que non viven xuntas habitualmente, poderán estar ata un máximo de 5 persoas conviventes por mesa. O sector da hostalaría augura perdas cuantiosas.

Para restrinxir a mobilidade por estrada, dende as doce desta noite vanse reforzar os operativos de control, que levarán a cabo de xeito coordinado a Policía Nacional, a Garda Civil e a Policía Local de Ourense e Barbadás.

Só poderán saír destes dous concellos para ir traballar, ás clases e ao médico. Tamén para retornar á vivenda habitual e para coidar persoas dependentes, ou noutras situacións de necesidade. En Ourense, con 511 casos activos, xa agardaban severas limitacións.

Non o tomaron tan ben en Barbadás, onde mesmo o grupo de Goberno amosou o seu desacordo coas restricións.

Esténdese a Barbadás tamén a prohibición que xa había en Ourense de reunirse en calquera espazo con persoas non conviventes. En ambos os concellos terán que pechar o interior dos bares, e nas terrazas só poden estar un máximo de cinco persoas por mesa.

En Sanidade fan un chamamento á responsabilidade e ao cumprimento das medidas para frear o coronavirus.

Na área sanitaria de Ourense hai hoxe 1.123 casos activos, con 70 novos contaxios.

 

Noticias web

07/10/2020