CRTVG

Buscar

Refachos por riba dos 100 quilómetros por hora en varios puntos de Ourense

Publicado o 21/12/2019 20:44

En Ourense, o novo temporal aliviou un chisco a preocupación polos ríos e trasladouna ao vento. Novas caídas de árbores con efectos sobre a circulación e sobre as persoas. Na estrada entre Cortegada e Pontebarxas, unha persoa resultou ferida ao lle caer unha árbore enriba do coche. E en LAias, no concello de Cenlle, houbo que retirar outra árbore que caera sobre a vía do tren, impedindo a circulación. Canto aos ríos, aquí na cidade levantouse a alerta vermella, agora o Miño está en prealerta, pero continúa en Ribadavia e na Peroxa.

Non é o peor momento do Miño nas últimas xornadas, pero si o que máis miradas capta pola virulencia con que baixan as augas desde o encoro de Velle: "As ondas, que rompen contra o muro onde nos poñemos no verán para tomar o sol... É unha pasada", comenta unha muller.

Aquí estaba Adolfo, coa súa filla cando captaron esta imaxe: dúas embarcacións á deriva que acabaron esnafrándose contra a presa: "Incluso pensamos se viña alguén dentro, que viñera dar unha volta, pero ó ver que baixaba, baixaba, baixaba... xa dixemos: estes veñen soltos. E desfixéronse, foi unha pasada. Estabamos todos alucinados".

Esta tarde, o Miño baixa cun caudal lixeiramente por debaixo dos 3.000 metros cúbicos por segundo. Baixou un metro con respecto a onte e deixou o nivel de alerta vermella para pasar a prealerta.

"Din que Ourense non ten mar e non é certo. Con ondas e todo", ri un veciño.

A retirada de árbores caídas foi a principal ocupación dos servizos de emerxencias esta tarde, coma esta que caeu sobre o teito dunha casa na Valenzá, no concello ourensán de Barbadás.

Noticias web

21/12/2019